Os viños Valdeorras á procura do mercado coruñés

Os viños deste territorio protexido foron protagonistas dun Showroom celebrado os días 6 e 7 de novembro no Hotel Finisterre da Coruña e que contou con diversas actividades orientadas a público especializado e xeralista.

Por Galicia Confidencial | A Coruña | 08/11/2023 | Actualizada ás 21:10

Comparte esta noticia

“A cidade da Coruña sempre foi e será un mercado prioritario para os nosos viños e hoxe, de novo, traemos un pequeno anaco do noso territorio amparado ata esta urbe co obxectivo de dar a coñecer os mellores brancos e tintos que producimos en Valdeorras e que están a conquistar todo tipo de padais”. Estas foron as palabras do máximo responsable do Consello Regulador da D.O. Valdeorras, José Ramón Rodríguez Castellanos, para poñer en valor o acto promocional que o organismo levou a cabo no Hotel Finisterre os días 6 e 7 de novembro.

Aula que contou coa participación do prestixioso sumiller Luis L. Paadín. Foto: Consello Regulador D.O. Valdeorras.
Aula que contou coa participación do prestixioso sumiller Luis L. Paadín. Foto: Consello Regulador D.O. Valdeorras.

Neste evento promocional, no que se poideron degustar viños de 19 adegas valdeorresas (case a metade das que conforman o territorio amparado), desenvolvéronse diversas actividades orientadas tanto a prescritores e públicos especializados como a outros de corte máis xeralista. “O obxectivo último é dar a coñecer o noso potencial vitivinícola ao maior número de persoas posible para que saiban que somos o berce do godello, pero que tamén somos quen de elaborar tintos dunha excelente calidade”, refería Rodríguez Castellanos.

Dentro da axenda de actividades salientar un showroom que arrincou o día 6 cunha cata para profesionais do sector promovida polo equipo do prestixioso sumiller Luis L. Paadín e dirixida polo director técnico do Consello Regulador, Jorge Mazaira.  Sumilleres, adegueiros, distribuidores, consumidores especializados, xornalistas e bloggers foron algúns dos perfís que conformaron o grupo de case 30 persoas que participou nesta cata comentada, na que se divulgaron datos técnicos e curiosidades sobre o xeito de elaborar viños nun territorio amparado, o de Valdeorras, que se caracteriza por contar cunha gran variedade de solos para o cultivo da uva.

ACTIVIDADES PARA PÚBLICO NON PROFESIONAL 

Na segunda xornada do evento os adegueiros desprazados ata a cidade herculina ofreceron unha degustación do mellor das súas colleitas nun acto aberto a todo tipo de público, que xerou unha gran expectación e afluencia de visitantes. Entre as visitas, salientar a que realizou a subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, para coñecer, de primeira man, o bo facer vitivinícola de Valdeorras, unha visita que o presidente do Consello Regulador quixo agradecer “moi especialmente”.

Outra visita importante foi a que fixo un grupo de alumnos do Ciclo Superior de Dirección de Servicios de Hostalaría do CIFP Paseo das Pontes da Coruña para recibiren unha charla introductoria sobre Valdeorras e os seus viños por parte do director técnico do Consello Regulador.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta