Carmen Lence carga contra "a media verdade" da baixada de prezos en contratos lácteos

A conselleira delegada do grupo reflexiona nun texto publicado no seu perfil de Linkedin.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/11/2023 | Actualizada ás 13:05

Comparte esta noticia

A conselleira delegada de Grupo Lence, Carmen Lence, publicou unha carta aberta coa que busca dar a coñecer a súa postura ante o que considera "declaracións difamatorias" de axentes no sector lácteo contra a empresa. "Se os empresarios seguimos dando a calada por resposta, acabamos sendo cómplices dos que nos descualifican e tentan manipular para o seu propio interese", avisa. Así figura nun texto publicado no seu perfil de Linkedin, baixo o título 'Quen son os "galegos de conveniencia"? A verdade tras as medias verdades e as mentiras completas'.

"Desafortunadamente, hoxe a presión téntase facer con medias verdades e mentiras completas a golpe de titular. E fano coa inmunidade do que confía en que o empresario de quenda dea a calada por resposta, como vén facendo por unha cuestión de discreción e de non porse á altura de quen cae en tácticas de tan pouco calado moral. Pero resulta que o que controla a comunicación, controla a mensaxe", reflexiona Lence.

"Din os que puxeron no seu punto de mira á nosa empresa que Grupo Lence renovou contratos aos seus gandeiros con prezos máis baixos, cousa que é verdade a medias. Esquéceselles mencionar que a nosa empresa, tradicionalmente, paga por encima da media de Galicia. O que se traduce en que as gandarías familiares que traballan con Lence leváronse á súa casa ata o mes de outubro, en conxunto, máis de 2 millóns de euros máis que as que traballan con empresas que pagan como máximo a media de Galicia. Tampouco contan que en España os prezos do leite en orixe tenden á baixa porque son os máis altos de Europa, e isto fai que a industria láctea estea a perder competitividade tanto no estranxeiro como no noso país. Así, as exportacións baixaron e as importacións aumentado, alagando o país con queixo de fóra. Isto, obviamente, tampouco lles convén aos gandeiros españois", afirma.

"Tamén mencionan que o prezo medio do leite cru en Galicia estivo nos 49 céntimos por litro, mentres que a media estatal sitúase nos 51,8; pero esquéceselles aclarar que son esas empresas que manteñen o prezo dos seus novos contratos en Galicia as que están a pagar máis polo leite noutras comunidades. E quizais sexa por iso polo que non lles convén baixar o prezo aínda máis en Galicia. ", asevera.

Carmen Lence. GRUPO LENCE
Carmen Lence. GRUPO LENCE | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta