Seis anos de cárcere para un home que acoitelou a outro ata sacarlle parte do intestino á saída dun pub en Ourense

Por Europa Press / Redacción | OURENSE | 10/11/2023 | Actualizada ás 18:13

Comparte esta noticia

A Sección Segunda da Audiencia Provincial de Ourense condenou a seis anos de cárcere, como autor dun delito de homicidio en grao de tentativa, a un home que lle cravou unha navalla a outro na zona de viños de Ourense, á saída dun pub. Os feitos tiveron lugar na madrugada do 2 de abril de 2022 ás portas dun pub na zona de viños de Ourense. Alí, dous homes encerelláronse nunha pelexa que acabou coa vítima con varias coiteladas, unha delas causoulle unha contusión no pulmón e outra, no abdome, sacoulle parte do intestino.

Durante xuízo celebrado o pasado mes de outubro o mozo defendeu que "en ningún momento tiña intención de causarlle mal" á vítima e asegurou que as coiteladas foran en defensa propia. Con todo a Audiencia Provincial non avala tal versión. O acusado, que estivo ano e medio en prisión provisional por estes feitos, non tivo ningunha lesión, mentres que o prexudicado chegou a correr risco vital de non ser pola atención sanitaria prestada a tempo, segundo explicaron os médicos forenses durante o xuízo.

Así pois, a sala condénao a seis anos de prisión por un delito de homicidio en grao de tentativa e absolve a outro mozo acusado de entregar a arma branca para cometer a agresión. Este punto non quedou acreditado, segundo recolle a sentenza, xa que o propio prexudicado admitiu ter o relato "confuso" e "non estar ao 100 % seguro" de que o implicado, con quen tivera liortas previas, lle dera a arma.

Os maxistrados indican que vítima e procesado "miráronse de maneira desafiante" no interior do local e ao saír á rúa encerelláronse na pelexa, na cal o acusado cravou "superficialmente a navalla á vítima no hemotórax dereito". "Séndolle indiferente o máis que previsible perigo mortal cravoulla outra vez, xa profundamente, no abdome, ao que o afectado, xa sen forzas, colle unha botella do chan propinándolle entón o condenado outra coitelada profunda no hemotórax esquerdo", recolle a sentenza.

Ademais, ao acusado impónselle sete anos de afastamento da vítima, así como 6.600 euros de indemnización. A Fiscalía tamén solicitou a expulsión do país do atacante durante dez anos unha vez que reciba a liberdade condicional. Con todo, os maxistrados recollen que a sala "carece dos elementos de xuízo necesarios para determinar o arraigamento do acusado en España. Por iso, este aspecto haberá de resolverse en fase de execución de sentenza cando o penado acceda á liberdade condicional. A sentenza aínda non é firme, cabe presentar recurso ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Audiencia provincial de Ourense
Audiencia provincial de Ourense | Fonte: Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta