Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/11/2023 | Actualizada ás 14:20
Impulsa Galicia concluíu un proceso de avaliación para seleccionar o perfil máis idóneo para dirixir a sociedade mixta Recursos de Galicia, recentemente creada pola Xunta e 33 empresas privadas para favorecer a maximización da repercusión no territorio do valor xerado polos recursos naturais galegos, a competitividade dos prezos enerxéticos e a descarbonización da economía.
O resultado deste proceso foi a proposta de designación de Emilio Bruquetas Serantes como conselleiro delegado da entidade, un nomeamento que deberá acordar e formalizar o consello de administración da compañía. Este órgano celebrará a súa primeira reunión proximamente, antes, en todo caso, do 1 de decembro. Primeiro como membro do comité de expertos económicos que asesorou á Xunta na recuperación pospandémica e logo como conselleiro e directivo de Impulsa Galicia, Bruquetas estivo vinculado a este proxecto desde os seus primeiros pasos, lembran desde Impulsa.
Nacido en Santiago en 1974, Bruquetas é licenciado en Ciencias Empresariais e máster en Administración e Dirección de Empresas. En 2001 incorporouse a Reganosa como xefe de Planificación e Control de Xestión e en marzo de 2012 foi nomeado director xeral da compañía, cargo que ocupou desde finais de 2017 ata hai uns días tamén na matriz do grupo enerxético: Reganosa Holdco.
Participou, igualmente, nos órganos de administración de Reganosa Servizos e presidiu tanto Reganosa Malta como Reganosa Ghana, do mesmo xeito que Reganosa Italia e Reganosa Alemaña. Durante a súa etapa á fronte da compañía, esta reforzou a súa orientación ao mercado global, como nas terminais de gas natural licuado (GNL) de Delimara (Malta), Ao-Zour (Kuwait), Tema (Ghana), Santa Giusta (Italia) e Brünsbuttel (Alemaña), e diversificou a súa actividade, impulsando proxectos de hidróxeno verde, xeración con renovables, almacenamento enerxético, economía circular, eficiencia e dixitalización.
Paralelamente, foi membro de organizacións enerxéticas nacionais e internacionais; entre elas, a Comisión Permanente do Consello Directivo de Sedigas (Asociación Española do Gas), ENTSOG (European Network of Transmission System Operators for Gas) e GIE (Gas Infrastructure Europe). Ademais, é conselleiro de Impulsa Galicia e asesor industrial do Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemáticas de Galicia (CITMAga).
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.