Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO | 15/11/2023 | Actualizada ás 15:19
O sector das artes escénicas de Galicia presentou o protocolo para a prevención e actuación en casos de acoso sexual por sexo ou xénero, un documento que engloba a gran parte dos traballadores do sector e co que esperan non só abordar posibles casos, senón traballar na prevención das violencias.
Á presentación do documento, 'Protocolo para a prevención e actuación en casos de acoso sexual por razón de sexo ou xénero en artes escénicas', acudiron, ademais de representantes do nove asociacións asinantes, Patricia de Lorenzo, de Escena Galega, a decana do Colexio de Psicoloxía de Galicia, Rosa Álvarez Prada, e a secretaria xeral de Igualdade, Sandra Vázquez. As tres responsables rubricaron simbólicamente o protocolo.
Patricia de Lorenzo destacou as dúas novidades fundamentais do protocolo. Unha é o seu ámbito de aplicación, xa que todas as persoas físicas e xurídicas que estean representadas nas nove asociacións asinantes están cubertas polo protocolo. A nivel sectorial, tamén se engloba a todas as disciplinas de artes escénicas (ademais da música e o audiovisual, teatro, danza, circo ou maxia, entre outros), tamén a xestión cultural e a produción técnica.
Entre outros puntos, o protocolo contén un código de conduta, un modelo de denuncia e un correo electrónico ao que dirixila. Ademais, crearase unha comisión de seguimento para garantir que "todo isto se leva a cabo". Reivindicou tamén a responsabilidade das artes escénicas, así como o seu compromiso, para tentar erradicar a violencia machista. Por iso, considera que o protocolo é tamén unha oportunidade para darlle "máis corpo e contido" con pezas escénicas, audiovisuais, etc.
PREVENCIÓN E SENSIBILIZACIÓN
A seguinte en intervir foi a decana do Colexio de Psicoloxía de Galicia, que puxo o foco na prevención e a sensibilización pola que aposta este documento. "Pasamos máis tempo afrontando o problema, que evitando que se produza. Por que non se traballa na prevención? Porque está diluída. A responsabilidade é de todos, e ao mesmo tempo non é de ninguén", sinalou a decana.
A psicóloga avogou por "enfrontarse" ao patriarcado e facelo desde a formación en perspectiva de xénero, "fundamental" para todos; algo presente neste marco de colaboración. O Colexio tamén estará presente na comisión de acompañamento, xunto á persoa instrutora da formación, así como coa vítima. Así mesmo, facilitarán o contacto con profesionais que sexan especialistas en intervención psicoterapéutica con estas problemáticas, tanto á vítima como á persoa acosadora.
TRABALLO "CONXUNTO E PIONEIRO"
Por último, interveu a secretaria xeral de Igualdade, Sandra Vázquez, que deu o parabén aos asinantes e agradeceulles contar coa Secretaría xeral para un protocolo "pioneiro" nas artes. Vázquez destacou que se sexa un traballo "conxunto". "O traballo en conxunto, e creo que isto é un claro exemplo, dá froitos como o que hoxe temos aquí (...), que reflicte o firme compromiso non só do Goberno galego, senón de todas as partes", subliñou, facendo fincapé no obxectivo de "crear ese ambiente seguro e respectuoso".
"Estades de parabén porque esta firma dá inicio a unha nova etapa na que a implantación efectiva deste protocolo pasa a ser unha responsabilidade absolutamente de todos (...). Animamos a todos os participantes a levar consigo este compromiso, a difundir e aplicar os principios recolleitos, sobre todo porque é traballo de todos erradicar a violencia de xénero. O compromiso de toda a sociedade ten que ser cero vítimas", concluíu.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.