19N.- Abusos de curas en Lugo e Ourense: "Aproveitaba o pantalón curto cando facía calor para tocarche os xenitais"

Ano tras ano os informes do Defensor do Pobo sacan á luz novos casos de abusos sexuais a menores de idade no seu do Igrexa católica. A maioría, son antigos, dos 60, 70 e 80, pero tamén se destapa algún máis recente. Aquí recollemos algúns.

Por Ángela Precedo | LUGO | 18/11/2023 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Os abusos sexuais a menores de idade son unha lacra difícil de erradicar, pois na sociedade sempre haberá monstros, por moitas medidas que se implanten para tratar de paralos. Sen embargo, se hai un lugar no que é aínda máis difícil frear a estas 'persoas' (nin sequera merecen ser chamadas así), é no seo da Igrexa católica, unha institución que aínda que na actualidade está comprometida coa loita contra os abusos, durante moito tempo permaneceu no escurantismo, encubrindo a moitos dos seus membros, practicantes da pederastia. Así as cousas, ano tras ano saen novos casos (a maioría destapados nos informes anuais do Defensor do Pobo) e, lamentablemente, case todos son do século pasado. Cantos haberá aínda hoxe en día dos que non se teña coñecemento porque as vítimas son moi pequenas e están coaccionadas para non falar? Mesmo na actualidade, o ex presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, manifestouse fai ben pouco sobre o tema, dicindo que o mellor era non remover o asunto: "Chamar terroristas aos bispos non é de recibo", e iso que el foi alumno nun internado dos maristas en León, un dos epicentros das denuncias por abusos sexuais cometidos por relixiosos en España. 

Antigo colexio marista de Ourense
Antigo colexio marista de Ourense | Fonte: Colexio marista de Ourense

Dende colexios ata as propias igrexas, pasando por seminarios ou casas da xuventude, non hai recuncho ao que non chegase este tipo de delito. Párrocos, bispos, frailes, profesores... toda clase de cargos participaron dos abusos a menores. Non importa a orde relixiosa, xa sexan salesianos ou maristas, xesuítas ou marianos, todos cocen fabas, como adoita dicirse. Dende Galicia Confidencial, e con motivo do Día Mundial para a Prevención do Abuso Sexual de Nenos, Nenas e Adolescentes, facemos un percorrido polos principais casos de abusos que os informes do Defensor do Pobo dos últimos anos detectaron na nosa terra, así como polos sacerdotes máis coñecidos que estiveron implicados en abusos (cantos haberá que aínda non se teñan descuberto, pois os casos van saíndo a contagotas). Hai moitos adultos que foron abusados na súa infancia que, como xa pasou tempo, prefiren deixar a cousa como está e non denunciar.

E é que antigamente, a Igrexa contaba con tanto poder que pobre de ti que foses un neno que chegase á casa dicindo á túa nai ou ao teu pai que o cura che tocara as partes íntimas, aínda levabas unhas azoutas por blasfemar contra un enviado de Deus. Por iso son tantos os casos que están a saltar a luz na actualidade pero que datan dos anos 60, 70 e 80. E, por desgraza, outros poucos estanse a coñecer e sucederon nos últimos anos. Unha lacra que, hoxe en día, a Igrexa católica tenta eliminar das súas filas, ao menos de cara á galería, sendo a primeira en impoñer expedientes sancionadores e en investigar aos párrocos acusados de abusos a menores de idade. Antigamente, o que se facía era encubrir aos denunciados e mesmo trasladalos a outras parroquias para que puidesen lavar a súa imaxe ou seguir abusando doutros nenos. Agardemos, polo ben dos máis pequenos, que as cousas sigan indo a mellor. Polo de agora, coñezamos algúns dos casos recollidos polo Defensor do Pobo nos seus últimos informes relativos ás grandes cidades galegas.

LUGO: DECEAS DE CASOS ESPALLADOS POLA CIDADE E POBOS PEQUENOS

Lugo foi outra das cidades galegas, ao igual que A Coruña e Vigo, onde máis abusos sexuais por parte de relixiosos se deron a coñecer recentemente. Pero a diferencia do que acontece nas outras cidades, en Lugo os casos están moi espallados, salpicando a diferentes institucións e ordes relixiosas. Por exemplo, no 2021 sóubose dun caso de pederastia no Colexio da Inmaculada de Lugo, pertencente á orde dos maristas. En concreto, o pai David Samartino Molina tería cometido abusos entre os anos 1956 e 1957, e anos despois tería pasado por Oviedo, Roma, Vigo, Santiago, Salamanca-ISPE, León, Honduras (Choluteca e Comayagua) e a residencia Champagnat de Valladolid. No mesmo colexio, outro alumno acusou tamén no 2021 a un profesor e tutor, o irmán Primitivo Castellanos, de ter practicado a pederastia e os abusos entre os anos 1974 e 1980. Cabe lembrar que anteriormente, no 2014, tres exalumnos denunciaran xa a un marista, o profesor Primitivo Castellanos, administrador e entrenador de balonmano en Lugo e Ourense entre 1973 e 1993, por abusos sexuais. Dera clases, precisamente, no Colexio da Inmaculada en Lugo e no internado Santa María dos maristas en Ourense.

Colexio da Inmaculada de Lugo
Colexio da Inmaculada de Lugo | Fonte: Colexio da Inmaculada

Sobre o irmán Primitivo Castellanos, cada vez hai máis lucenses que non teñen medo de admitir que era "un sobón", que "aproveitaba calquera oportunidade para tocarte", segundo asegura un exalumno nunha entrevista con El Progreso, que recorda continuos tocamentos por enriba da roupa, caricias nos muslos na clase, miradas incómodas nas duchas... Precisamente, unha vítima que formaba parte dun dos equipos de balonmano aos que Primitivo adicaba atención relataba: "Cando iamos aos campeonatos quedabamonos en pensións ou en hoteis baratos e compartiamos habitacións. Unha vez eramos impares e a un do equipo tocoulle compartir habitación con el. Pola mañá preguntámoslle e díxonos que intentara meterlle man por debaixo das sabas, pero que só lle tivo que mandar que parase e non fixo máis. Non lle dimos máis importancia". Non tivo a mesma sorte outro exalumno do colexio que quedou tan traumado que caeu nas drogas. "Pasei de ser un bendito a arrearlle a todo o que podía. Estaba confuso. Non sabía se de maior iba ser outro abusador", relataba nunha entrevista en El País, contando que "sentábase ao teu lado na clase, nos vestiarios e tocábache os xenitais".

A súa versión é corroborada por outro antigo alumno: "Encargábase dos deportes e tocaba habitualmente nos vestiarios aos xogadores nas súas partes". Ademais, este último asegura que tamén sufriu abusos por parte doutro relixioso, o pai Puebla, o seu tutor e profesor: "Apenas berraba e dábanos caramelos. Co bo tempo soiamos usar pantalóns curtos e el aproveitaba momentos nos que estabamos traballando para meter os dedos no pantalón". Sobre o pai David Samartino Molina, falecido no 2006, outro exalumno contaba: "Eu tiña sete anos. Tíñame, non sei por que, fichado. Castigábame con moita frecuencia, de pé nunha esquina. Un día coincidimos castigados outro compañeiro e eu. Mandou saír a todos ao rematar a clase menos a nós. Regresou e escoitei os choros do meu compañeiro. Dinme a volta e vin ao irmán David coa man metida pola cintura do pantalón do meu compañeiro, que non paraba de chorar, ao tempo que o aprisionaba contra a parede. Veume e mandoume irme".

"Cando iamos aos campeonatos quedabamonos en pensións ou en hoteis baratos e compartiamos habitacións. Unha vez eramos impares e a un do equipo tocoulle compartir habitación con el. Pola mañá preguntámoslle e díxonos que intentara meterlle man por debaixo das sabas"

Seguindo por colexios, no 2021 saltou un caso de abusos sexuais cometido no Colexio San Xosé entre os anos 1993 e 1994. Unha das súas alumnas acusou a M.A. de toquetear a varias nenas, entre elas, unha amiga súa. Tampouco se libraron da lacra os seminarios. Tamén no 2021 fíxose público que un home denunciara ser vítima de abusos sexuais entre os anos de 1966 e 1968 nun seminario lugués, onde os curas levaban aos nenos ás súas habitacións e os menores saían delas chorando. O denunciante tamén recorda que os relixiosos bicaban aos nenos mentres durmían. Ademais, acusou ao bispo X.G. de encubrir todos estes feitos. E en Monforte de Lemos, no 2022 unha vítima denunciou que un escolapio lle tocara os testículos na clase, o pai P.H., no internado dos Escolapios da cidade entre os anos 1966 e 1967. E no mesmo internado outro ex alumno irmán da vítima acusou a un fraile de tentar abusar sexualmente do seu irmán nos anos 60.

Xa no plano da igrexa como tal, na Igrexa de San Francisco de Viveiro fíxose público no 2022 que un sacristán tería abusado de alo menos 15 menores entre os anos de 1980 e 1990. O denunciante conta que este sacristán abusou sexualmente del dende que tiña 9 anos e ata que cumpriu a maioría de idade. Os abusos ocorreron dentro da propia igrexa e, segundo conta a vítima, comprobou que o acusado abusou de alo menos 15 nenos dentro da mesma igrexa porque falárono entre eles. No Santuario do Cebreiro, segundo se soubo no ano 2015, o fraile dos peregrinos, J.Q.A., pertencente á orde dos franciscanos, foi condenado por abusos sexuais a dúas persoas cometidos entre o ano 2014 e 2015. En total, tivo que pagar 4.500 euros (2.000 e 2.500 euros a cada vítima). Finalmente, nun pobo de Lugo, a parroquia de Castro de Carballedo, unha vítima e unha testemuña denunciaron no 2021 ao cura V.L. por abusos sexuais cometidos entre 1976 e 1981. Segundo a outra vítima, nunha ocasión, o cura A.V.G. tocoulle os xenitais.

OURENSE: NON SE SALVA NINGUÉN, MARISTAS, SALESIANOS, BENEDICTINOS...

En Ourense, ao igual que noutras moitas das grandes cidades galegas, os casos de abuso destacaron en varios colexios das ordes relixiosas máis soadas. Así, desveláronse varios casos de abuso sexual no Colexio Marista de Santa María de Ourense. Unha vítima acusou ao irmán R. de ter abusado del no ano 1967 durante un campamento de verán. Fíxose público fai ben pouco, no 2022. Outro caso foi o dunha vítima que acusou ao irmán A., encargado dos dormitorios do colexio durante os anos 1974 e 1975 de ter abusado del. Do mesmo xeito que outra das vítimas puxo o foco sobre o irmán F., un profesor que exerceu no centro entre 1956 e 1980. Estes dous últimos saltaron á palestra no 2021.

Así, un exalumno deste centro relata a El País como foi acosado no dormitorio común polo irmán Primitivo: "Díxome que o acompañara ás duchas. Alí achegoume a el, meteume a man por debaixo do pixama e comezou a acariciarme o pezón. Preguntoume se sabía como se facían os nenos e ofreceuse a explicarmo cando quixese. Acto seguido mandoume ir para a cama". Curiosamente, aseguraba que o irmán Primitivo defenderao o ano anterior doutro irmán, Florencio: "Na sala de xogos, estando diante do televisor, achegouse a min o irmán Florencio, sacou un caramelo, puxoo diante de min a unha certa altura, para que eu tivera que levantar o brazo. Cando o levantei a reacción inmediata foi poñer as súas mans sobre o meu muslo esquerdo e deslizalas no pantalón cara os meus xenitais. Nese momento apareceu o irmán Primitivo. Agarrouno pola sotana e golpeouno contra a parede un par de veces ou tres, ameazándoo en voz alta".

Tamén neste mesmo colexio, outro ex alumno foi testigo de como polas noites, o irmán Ángel, apodado 'O Conguito', sacaba das súas camas a varios nenos e metíaos no seu cuarto. "Dormiamos nunha gran sala todos xuntos. Tiña por costume levar ao menos a dous nenos, un da miña idade e outro un ano maior á súa habitación". Anos despois, segundo recorda, "remataron por envialo a África". 

"Díxome que o acompañara ás duchas. Alí achegoume a el, meteume a man por debaixo do pixama e comezou a acariciarme o pezón. Preguntoume se sabía como se facían os nenos e ofreceuse a explicarmo cando quixese"

E seguindo con casos nos colexios, na orde dos salesianos tamén cocían fabas. O colexio María Auxiliadora dos salesianos de Ourense tamén rexistrou varias vítimas de abusos sexuais. Un denunciante contou no 2022 que entre os anos 1964 e 1967 os relixiosos visitaban aos nenos mentres durmían e lles metían man. Outras veces tocábanos cando a escola se reunía para ver películas os domingos. Acusou ao irmán A. No mesmo ano saltou á palestra outro denunciante que contou os mesmos feitos, neste caso entre os anos 1964 e 1968, por parte do pai T. E houbo un terceiro denunciante que foi vítima de abusos entre 1958 e 1960 por parte do seu profesor de francés, o pai F. (O.F. polo seu mote). 

Ademais, non son poucos na provincia de Ourense os casos de curas que en pequenas parroquias abusaron de rapaces. Un deses abusos deuse no concello de Avión no ano 2006, aínda que tardou en saír á luz ata o 2019. Tratábase do cura Pablo Serafín E.R., que abusou dun rapaz de 10 anos ao que preparaba para a primeira comuñón e que rematou sendo apartado da profesión polo bispado de Ourense, segundo contaba o diario La Región. O sacerdote "recibiu ao menor en calzóns e, con ánimo libidinoso, realizoulle tocamentos en diferentes partes do corpo" que deixaron ao neno con varios trastornos derivados do suceso. Tamén se acusou ao bispo Leonardo Lemos de encubrilo. Este bispo, apartouno da igrexa no 2017, cando coñeceu a nova, pero "tras non ver indicios na investigación canónica", recolocouno de novo na súa anterior parroquia. Así, só pagou unha multa de 5.700 euros e cumpre unha orde de alonxamento de 100 metros do menor de 10 anos que o denunciou durante un ano. Do proceso canónico resultou absolto. 

"Recibiu ao menos en calzóns e, con ánimo libidinoso, realizoulle tocamentos en diferentes partes do corpo"

Tamén se produxo un caso similar na parroquia de San Breixo de Seixalbo, o pasado ano 2019, onde o párroco e capelán do CHUO, Manuel V.D., foi apartado do seu cargo tras ter acosado a varios menores. Era un delito de acoso insistente e reiterado (popularmente coñecido como 'stalking'). Segundo recolle La Región, enviou 671 mensaxes de WhatsApp entre o 2 de febreiro e o 1 de marzo do 2019 "co propósito de intimar co menor e que este lle contara as súas experiencias sexuais". Nas mensaxes, segundo apunta o medio ourensán, aparecen preguntas íntimas sobre o que fai o mozo coas rapazas: "Cando estades xuntos méteslle man? Altéraste cando a bicas? Xa estiveches cunha rapaza? Fixeches o amor? Non tes ganas? E que é un desexo moi forte, síntelo no corpo, a ti non se che pon dura? Pensas nela cando cha meneas? Segues sen tocarlle as tetas ou máis abaixo?". E noutras mensaxes aparecen consellos: "Ás rapazas gústanlles os rapaces educados, pero que saiban meter man". E mesmo lle pedía vídeos "verdes". O cura entregou ao menor nunha ocasión 50 euros e noutra deulle 100 para gañarse a súa confianza.

"Cando estades xuntos méteslle man? Altéraste cando a biscas? Xa estiveches cunha rapaza? Fixeches o amor? Non tes ganas? E que é un desexo moi forte, síntelo no corpo, a ti non se che pon dura? Pensas nela cando cha meneas? Segues en tocarlle as tetas ou máis abaixo?"

E a cousa non acaba aquí, a lista é máis longa. A sobriña dun párroco de Ourense denunciouno por abusos sexuais cometidos tanto na súa vivenda como no Seminario Maior Divino Mestre de Ourense, entre os anos 1991 e 2009, aínda que se fixo público no 2019. O párroco era Francisco Manuel Martín López, e foi encuberto polo bispo Leonardo Lemos, como sucedera con Pablo Serafín E.R. A vímica contou a La Región que moitas das fotos que ten na súa casa foron gravadas polo seu propio tío, este párroco, que "sempre andaba cunha cámara", mesmo no ano 1994, nun momento no que ela tiña tan só tres aniños e estaba sentada no inodoro cando o seu tío abriu a porta coa cámara na man.

E máis aló dos curas, tamén hai relixiosos laicos, como o caso dun profesor de relixión dos colexios Tomás Terrón Mendaña e Virxe do Camiño, nos concellos de Sobradelo e Rubiá de Valdeorras, que abusou de ata oito nenos entre os anos 2003 e 2011. Así o admitiu el mesmo no ano 2013. Deste xeito, Agustín Ojea Gayoso quedou inhabilitado por 32 anos. C.L.I. e o director dun dos colexios foron acusados de encubrilo. En principio foi condenado a dous anos de prisión, pero non ingresou finalmente, e os pais do pequeno rexeitaron recibir a indemnización. Sentaba aos alumnos no colo, acariciábaos por debaixo da roupa, tocáballes os xenitais e lamíalles as orellas. Ojea Gayoso, de 48 anos, quedará inhabilitado para a docencia e actividades con menores por un período de 32 anos. Segundo dixo o seu avogado, "ten que vivir da caridade da súa familia e amigos" dende que a Xunta o suspendeu cautelarmente. Ademais, tiña un menor en acollida e foille retirado do seu coidado. Todas as vítimas terían pasado polas aulas deste profesor dende os 5 ou 6 anos ata os 11 ou 12.

En mosteiros déronse varios casos. Así, unha muller acusou a un sacerdote do mosteiro de San Clodio de Leiro, pertencente á orde dos benedictinos, cuxo nome dixo non recordar. Aseguraba que os abusos se produciran entre 1962 e 1963, cando ela tiña entre 5 e 6 anos. A vítima recorda que o acusado a tocaba e a bicaba sen o seu consentimento. Sacou o caso á luz no 2022. E outra vítima denunciou un caso de abuso que permanecera oculto ata este mesmo 2023 no mosteiro de Xunqueira de Ambia, pertencente á orde dos mercedarios. Finalmente, outra vítima de abusos acusou a un fraile da diócese de Ourense que tería abusado del na pensión do seu pobo no 1970. Cando o bispo de Ourense por aquel entón, Á.T.S. o descubriu, pediu aos seus pais que quitasen a denuncia.

Colexio María Auxiliadora dos Salesianos de Ourense
Colexio María Auxiliadora dos Salesianos de Ourense | Fonte: Salesianos Ourense
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta