O ex candidato de CxG, Paulo Carlos López, liderará Sumar Galicia cos ollos postos nas Eleccións Galegas

Movemento Sumar Galicia anuncia que nos próximos días darán a coñecer a máis persoas que formaránparte del.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 22/11/2023 | Actualizada ás 14:51

Comparte esta noticia

O profesor da USC Paulo Carlos López López, ex voceiro de Compromiso por Galicia, será o novo voceiro e líder de Sumar Galicia. Así o anunciou esta formación que, durante a mañán deste mércores, rexistraron a marca Movemento Sumar Galicia como partido político no Ministerio do Interior. "Nace así como unha organización galega autónoma que estará federada con Movemento Sumar a nivel estatal", indican.

Paulo Carlos López con Yolanda Díaz e Marta Lois nunha festa no Carballiño
Paulo Carlos López con Yolanda Díaz e Marta Lois nunha festa no Carballiño | Fonte: Sumar Galicia

 

O nome de Carlos López, cunha prometedora carreira na USC, xa viña soando nos ámbitos políticos desde hai meses, cando tanto Yolanda Díaz, como Marta Lois pensaron nel para liderar este espazo en Galicia e mesmo coincidiron con el en varios eventos. López non é un descoñecido en política xa que foi un dos líderes de Compromiso por Galicia, movemento nutrido, en boa parte, con ex militantes e ex simpatizantes do BNG e que acabou por difuminarse en En Marea.

 

"Movemento Sumar Galicia aspira a aglutinar a intelixencia colectiva das moitas persoas que conforman este movemento e que comparten un proxecto de país aberto e inclusivo, construído desde o diálogo e a escoita", sinalan. Por iso que, nos próximos días, o novo partido dará a coñecer unha comisión promotora co obxectivo común de contribuír de maneira decisiva a gañarmos a próxima década como país.

 

As máis de 3.500 persoas inscritas en todo o país veñen de recibir, na mañá de hoxe, unha carta asinada por quen exercerá como portavoz da promotora, Paulo Carlos López, na que se compromete a “seguir tecendo a esperanza e a ilusión que xa está a transformar, con políticas públicas útiles, a nosa realidade cotiá”. Desde a promotora, cuxa composición se coñecerá nos próximos días, apelan “á unidade de todas as persoas e organizacións que compoñen este espazo político”. “Nunca renunciamos e nunca renunciaremos á unidade”, afirmou esta mañá o portavoz nacional, Paulo Carlos López López.

 

O rexistro de Movemento Sumar Galicia supón un paso fundamental para concorreren ás vindeiras eleccións ao Parlamento de Galicia. "No partido son conscientes da xanela de oportunidade histórica que se abre no noso país e inician un camiño que require de toda a enerxía, mobilización e organización para estaren en condicións de ser alternativa de goberno ao PP", sinalan nun comunciado. “Movemento Sumar Galicia nace para gobernar este país e queremos contar con todos os galegos e galegas coa única vontade de que a esperanza se abra paso en Galicia cun cambio de goberno”, sinalou Paulo Carlos López.

 

Paulo Carlos López López ten 37 anos e é veciño de Betanzos. É profesor no Departamento de Ciencia Política e Socioloxía da Universidade de Santiago de Compostela. É doutor en Ciencia Política pola Universidade de Valencia e doutor en Comunicación pola Universidade de Santiago. Licenciado en Ciencias Políticas e da Administración. Licenciado en Xornalismo. Foi un dos dirixentes de Compromiso por Galicia, partido que se formou con excindidos do BNG e que estaban en Máis Galicia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 4 comentarios

4 Bernardo G.Novoa

Deixémonos de k.,sen a unidade da esquerda espanñolista e a estatal que comparte a plurinacionalidade teremos PP outra tempada.Fagamos unha Coaliciòn da Esquerda Galega pra botalos e formar un goberno progresista na Xunta.A ver cando o bloque da un paso a favor de Galiza e déixase de arredismos estereis.

3 Sentidiño

Foi nunha lista con CiU e PNV, e agora lidera Sumar? Cando foi esa asemblea?

2 Eumesmo

Hai que ter boas tragaderas pra unirse a Yolanda despois de que vetara ao seu expartido (CxG) no seu momento pra as eleccións galegas

1 Bo líder

Boa fichaxe de líder posto a dedo para repetir o de sempre, desunir, crispar e enredar contra todo o mundo iso si dicindo sempre que busca la unidaz. E neste caso bonus para quitar algún votiño en todas as provincias e igual axudar a inflar a Rueda.