Por Galicia Confidencial | SANTIAGO | 22/11/2023 | Actualizada ás 16:29
O galego é moito galego, unha lingua que serve para comunicarse en calquera parte do mundo e un idioma que levar con orgullo aló por onde vaiamos. E semella que cada vez as administracións teñen isto máis claro. Se este ano se deu luz verde ao uso das linguas cooficiais no Congreso, permitindo que os representantes galegos fixesen uso do noso idioma, agora a Asociación de Editores de Madrid plasma no transporte público da cidade un fragmento da obra xuvenil 'A lebre mecánica', de Ledicia Costas, en galego (coa súa correspondente tradución ao castelán). Como a propia autora recoñeceu no seu Twitter (agora X), todo un "orgullo".
Que orgullo que no transporte público de Madrid viaxe un fragmento de "A lebre mecánica" en galego e castelán (tradución de @reimondez) cunha ilustración de Ana Oncina. A campaña chámase "Libros a la calle" e foi promovida pola Asociación de Editores de Madrid 😍@Xerais pic.twitter.com/A4eV5wKn1g
— Ledicia Costas (@LediciaCostas) November 21, 2023
"Apostei o que deu e eses cartos tamén voaron, así que collín a miña videoconsola e leveina a un garito onde venden cousas de segunda man, para preguntar canto me daban por ela. Non me ofreceron máis ca trinta euros. Trinta euros por unha máquina que custou máis de cincocentos non me parece xusto. Que se hai outra nova no mercado, que se esta quedou obsoleta e blablabla. Merdas. Con trinta euros que fago? Nada. Así que me quedaban uns días por diante para conseguir os cen pavos que tiña que entregarlle a Soprano. Empecei a pensar que podería pasar se non llos daba e pensei: 'Bah, é un bo tío. Fíxome un favor. Seguro que se lle digo o que ocorre atopamos unha solución'. Achegueime ao local de apostas e solteillo: 'Tío, necesito falar contigo (...)'" . Este é o fragmento en cuestión que agora percorre as rúas madrileñas acompañado dunha ilustración de Ana Oncina.
Cabe lembrar que esta obra de Ledicia Costas foi Premio Lazarillo 2021. Así, dende a Asociación de Editores tentan recordar a algúns esta novela que xa leron e, a outros, facerlle unha suxerencia para que a lean. A iniciativa, baixo o nome 'Libros a la Calle', leva máis de 20 anos inundando os transportes públicos da comunidade madrileña con textos ilustrados, dende vagóns de metro ata trens ou autobuses, calquera lugar é bo para promocionar a lectura e crear inquedanzas lectoras, agora tamén en lingua galega. A deste ano é a vixésimosexta edición do evento e inundará as rúas con máis de 7.200 vinilos (6.080 en tres do suburbán e 1.140 para autobuses urbanos e interurbanos).
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.