Outro cemiterio único en Galicia pola súa singularidade é o de San Facundo de Ribas de Miño no concello de Paradela (Lugo) por estaren a totalidade das súa lápidas inscritas en lingua galega; unha acertadísima iniciativa da dirección xeral do patrimonio da Xunta de Galicia ao socairo da proposta da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística que busca a galeguización dos cemiterios, espazos da memoria colectiva das comunidades parroquiais.
Todos os anos nos meses de outubro e novembro organízanse actos co rubro do Día da Restauración da Memoria Lingüística de Galicia. Os chamamentos para as súas celebracións diríxense aos concellos e familias para que colaboren nesta tarefa galeguizadora dos cemiterios e exéquias fúnebres. Así se fixo nas últimas semana na parroquia de Amoedo (Pazos de Borbén) e Barcia de Mera (Covelo), onde os concellos e familias dos defuntos colocaron lápidas con epitafios en galego nos respectivos panteóns.
Na primeira, os homenaxeados foron Marisol Míguez e Raúl Pereira, un matrimonio dinamizador dos seráns e outros encontros de transmisión oral da nosa música e costumes tradicionais; e en Barcia de Mera perpetuando a memoria de Mingos Lorenzo cunha lápida na nosa lingua. Mingos foi un afamado gaiteiro autor de fermosas composicións musicais divulgadas en concertos da agrupación folclórica as “Abeleiras de Alxán” fundada por el e na súa discografía. Ver videos e información escrita en
www.galeguizargalicia.gal.
Os epitafios das tres lápidas seguen o remol das do cemiterio de Noia con gravuras singulares alusivas á súa condición de músicos, como se fixo tamén na de Florencio López Fernández, “Florencio dos vilares, o cego da Fontaneira”, figura senlleira por ser o derradeiro xograr que vivíu das dádivas arrecadadas coa venda de coplas da súa autoría cantadas co seu violín nas feiras e romaxes da montaña luguesa.
Xa vai para vinte anos tamén que substituímos a lápida de Juan Ferreiro Ferreiro, o “gaiteiro de Laroá” no cemiterio parroquial cun deseño orixinal: un pentagrama coas primeiras notas da súa composición para gaita. Nesta comarca limiá os próximos días celebraranse dous novos actos de restauración galeguizadora: o 26, en Vilar de Santos, e o 2 de decembro na parroquia de Morgade (Xinzo de Limia), coa descubertas de senllas placas nas entradas dos camposantos que rezan así: “Na memoria de todas as persoas que xacen aquí, porque grazas a elas Galicia segue a ter cultura e lingua de seu”. Idéntica celebración terá lugar proximamente no concello ribeirao de Beade.