Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 24/11/2023 | Actualizada ás 11:10
O 'Outono Códax Festival' deste ano pode presumir de esgotar entradas tendo en conta que o concerto protagonizado por The Bo Derecks e Nikki Hill na Sala Capitol este venres 24 será o quinto "sold out".
Abrirán o concerto, ás 21:00 h, The Bo Derecks, a banda que reúne a Óscar Avendaño (Siniestro Total) á voz e guitarra cos Irmáns Lorre -Jorge Lorre e Rufus el Guarro- (Los Wavy Gravies, The Allnight Workers, Los Hijos Bastardos de Peter Lorre...), baixo e batería respectivamente, para dar saída á súa vertente máis pub-rockeira: rock'n'roll en castelán para divertirse, beber e bailar, con influencias que van desde Dr. Feelgood ou The Bishops ata Bo Didley ou Devil Dogs.
O seu último disco ata o momento, Inféctame, baby! foi elixido un dos mellores discos do 2021 por infinidade de revistas, emisoras de radio e webs especializadas.
A continuación, a protagonista é Nikki Hill. A cantante de Missouri, da que a revista Rolling Stone dixo que era "como se Tina Turner estivera á fronte de AC/DC", é unha das novas grandes sensacións do rock & roll e do soul máis enérxico. Hill recorre ás influencias vintage femeninas do rhytm and blues como LaVern Baker, Etta James e Ruth Brown, e a algúns dos seus cantantes favoritos como Otis Redding e Solomon Burke, sen esquecer a Little Richard, de quen aprendeu "a fiereza do rock and roll".
A cantante de Missouri, da que a revista Rolling Stone dixo que era "como se Tina Turner estivera á fronte de AC/DC"
A MÚSICA NO CINEMA
Dentro do ciclo de proxeccións desta edición do Outono Códax, Blow up… A música no cinema, o venres 24 ás 17:45 h. proxectarase na sala Numax Litlle Richard: I am everything, un documental dirixido por Lisa Cortes e estreado neste 2023 sobre esta icona única do rock and roll que marcou o mundo da música. Unha gran influenza, como xa comentamos, de Nikki Hill.
DERRADEIRO CONCERTO
O Outono Códax 2023 rematará o sábado 25, tamén na sala Capitol, cun concerto do septeto sueco de rhythm & blues e ska The Beat from Pallokaville, que por primeira vez actúan en Galicia. Abrirán a noite o dúo Kamikaze Helmets.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.