Por Moncho Mariño | Santiago | 30/11/2023 | Actualizada ás 22:00
Os e as traballadoras do servizo de limpeza nas depedencias de Correos están en folga e non saben até cando. Din descoñecer cales son as intencións por parte da empresa postal ademais de non saberen quen pode quedar cos lotes de limpeza en Correos. A concesionaria do servizo, J. Córdoba que comparte xerencia con SCT Ibérica, entrou en febreiro de 2023. As forzas sindicais denunciaron incumprimentos por parte da concesionaria como falta de Plan de Igualdade e falta de comité de prevención. Seguidamente comezaron atrasos no pagamento das nóminas e no mes de xuño de 2023 unha chamada ao presidente do comité de empresa de J Córdoba en Galicia anunciáballe que deixarían de pagar nóminas. Correos descubriu que a concesionaria lle pasaba horas traballadas que non figuraban nas condicións de contratación, J Córdoba estaba “inchando” as horas traballadas no momento de pasar as facturas a Correos.
SEN NÓMINAS DESDE XUÑO
J Córdoba leva sen pagar desde xuño a case 350 persoas en toda Galicia. O presidente do comité de empresa, Óscar Iglesias, recibiu unha chamada da empresa que lle comunicaba o non pagamento das nóminas desde xuño. “Eu cobro un 1.600€ a fin de mes mais por ser condutor para a empresa”, en total J Córdoba débelle 8.000€. Pilar Iglesias, traballadora da limpeza no CTA de Correos en Lavacolla (Santiago), deixou de ingresar “1.100€ por mes, en total, 5.500€ cobrar nestes cinco últimos meses”.
A situación acabou por converterse en moi difícil para algunhas das persoas empregadas na empresa concesionaria. Hai quen recorre a bancos de alimentos nestes últimos meses para completar a cesta da compra, algúns non poden facer fronte aos alugueres ou empréstitos e así unha serie de consecuencias acumuladas no tempo.
Ante esta situación a pregunta é: como puido entrar J Córdoba no servizo de limpeza en Correos? “O servizo de limpeza e control de pragas está subrogado, por tanto hai un contrato público, as primeiras poxas quedaron desertas” di Alberto Hortas de CSIF Correos. Neste contrato público, a empresa que entra subroga persoal e asume débedas da empresa concesionaria anterior. Así, o 29 de xullo de 2022 Correos declaraba deserto o concurso público de varios lotes (áreas xeográficas) entre eles as catro provincias galegas (lote 1).
RESCISIÓN DE CONTRATO
O lote 1 quedou deserto despois de que a empresa Clequali S.L., decidise non asumir este e outros lotes: “debido al incremento de precios desde que formuló su oferta económica a la adjudicación, no procederá a presentar la documentación administrativa y avales Técnicos para los lotes adjudicados a esta empresa”, segundo reza no documento do Comité de Inversiones y Contratación de Correos. En total, o prezo do lote galego incluíndo impostos era de 3.659.459,63 € máis as posibles débedas que puidese ter deixado a anterior empresa. Máis lotes quedaron desertos nesta contratación pública.
“Non sabemos como puido entrar J Córdoba, porque, coma todas, entrou poxando á baixa, mesmo Correos lle rebaixou un millón de euros cun prezo de entre 73 e 83 millóns” polos 16 lotes, di Óscar Iglesias.
Unha vez que os problemas comezaron a afectar de maneira seria ás instalacións físicas de Correos, esta compañía “dedice o 1 de outubro de 2023 rescindir o contrato a J Córdoba en todo o Estado” sinala Hortas. “Aparecen novos pregos de contratación e ninguén se presenta porque non se coñece o alcance das débedas que deixa a empresa anterior”. “Lanzaron dous pregos desde Correos logo de rescindirlle o contarto a J Córdoba, o primeiro prego foi por 30 millóns e logo outro por 50 millóns” apunta Óscar Iglesias.
Sobre a rescisión do contrato á empresa de limpeza, desde o Gabinete de Prensa de Correos transmitiuse a Galicia Confidencial que dita rescisión está en proceso e, á parte, estase esperando unha resolución para outorgar o servizo a unha nova empresa.
CONFLITO E SOLUCIÓN
A nova empresa sería “unha empresa pública” segundo transmitiu o delegado do Goberno a representantes de traballadores e traballadoras nunha reunión. Os rumores apuntan a Tragsa, “que sería ideal pois é unha empresa pública” di Hortas. Mais, en primeiro lugar, ninguén confirmou nada sobre se esta empresa pública actuaría como “empresa ponte” até a chegada dunha nova subrogación e, segundo, os e as traballadoras tiveron coñecemento verbal de que comezarían a traballar durante a primeira semana de decembro, mais non hai confirmación en firme.
Mentres, Correos comunicoulle ao comité de empresa de J Córdoba que xa non son persoal de ningunha empresa debido á rescisión de contrato e non estaren subrogados por outra compañía. Isto último aconteceu cando o comité de empresa quixo entrar no CTA de Lavacolla e non se lles permitiu acceder ao lugar. “No CTA as oficinas están afectadas pola insalubridade e os representantes dos e das traballadoras de Correos presentaron denuncias a Sanidade que logo pasaron a Inspección de Traballo” di Pilar Iglesias. “Inspección di que non existe risco biolóxico, mais nós dubidamos disto e insistimos na falta de salubridade nos postos de traballo” apunta Alberto Hortas.
A situación levou aos sindicatos do CTA santiagués a convocar unha folga indefinida desde o 3 de decembro. Todo polas “condicións insalubres” do lugar de traballo. “Claro que nos solidarizamos cos e coas traballadoras da limpeza mais queremos unha solución” reclama Hortas. Até a chegada dunha nova empresa de limpeza, a situación pode volverse máis insustentable ante a acumulación de restos. “Nós non podemos retirar as moreas de cartón, papel e outros materiais pois estariamos vulnerando o dereito á folga dos compañeiros e compañeiras de limpeza” di Hortas. “Cremos que as denuncias efectuadas polo persoal de Correos non teñen eco nos seus superiores” di Pilar Iglesias.
Non hai perfilada ningunha solución de maneira sólida. Os e as traballadoras da limpeza nas oficinas de Correos seguen esperando que se lles paguen as nóminas atrasadas e a confirmación da volta ao traballo en decembro deste 2023. Delegación do Goberno transmitiu que “unha empresa pública” asumiría os traballos deixados por J Córdoba, mais de momento ninguén confirmou nada e para Correos, o antigo persoal da empresa concesionaria non pertence a ningunha compañía, por tanto non hai relación laboral.
ROCCO ARENA, XERENTE OU AVENTUREIRO?
O italiano Rocco Arena é o actual xerente de J Córdoba así como STC Ibérica ou Le Parisien, foi presidente do Fútbol Club Independiente Alicante e empresario da restauración coa súa cadea de restaurantes italianos “San Rocco”, con locais en España (sobre todo na costa mediterránea) e Italia.
Rocco Arena figura agora como adminitrador único de Le Parisien Integral, unha empresa de limpeza industrial de Elx (Alacante), cando en teoría sería a segunda xeración da familia Corredor quen estaría levando a dirección xeral e a parte financeira. No caso de J Córdoba, Arena mercou a empresa en 2021 e a día de hoxe a operación está nos tribunais debido á denuncia dos antigos responsables que aseguran que Arena non cumpriu cos acordos asinados. O empresario italiano tamén ten denuncias por falta de pagamentos a empregados e irregularidades tributarias.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.