Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/11/2023 | Actualizada ás 18:41
O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, afirmou este luns que o seu departamento analizará todos os datos para "establecer a posibilidade de declarar como zona de emerxencia todas as zonas produtivas das rías galegas", tras a gran mortalidade rexistrada nas últimas semanas en bancos marisqueiros de toda Galicia.
"Este ano choveu moito, estes últimos meses foron de moita cantidade de auga doce e iso fixo que a salinidade baixase", lembrou o conselleiro, durante un acto en Cariño, no que participou na entrega de semente de ameixa á Confraría. Respecto diso, engadiu que se van a "analizar todos estes datos" de salinidade, temperatura de auga e datos de mortaldade para, segundo o achegado por estes números, tomar unha decisión.
Villares afirmou que hai que "seguir profundando" en aspectos como a forma de ter máis cría, de repartir máis entre as confrarías e "seguir estudando", a través dos centros de investigación, todos aqueles factores que poidan alterar ou afectar a supervivencia das especies, ou poidan influír nalgún outro aspecto que, ata agora "igual non se coñeceu". "Temos que solicitar datos a través tamén do sector, cos nosos mariscadores", engadiu o conselleiro.
No caso do depósito de Cariño, Villares entregou sementes provintes do Centro de Investigacións Mariñas (CIMA) e das localidades lucenses do Vicedo e Ribadeo. "Foron cinco meses de estancia desta semente nestes dous centros, para agora estar aquí e entregala aos mariscadores de Cariño", explicou, á vez que sinalou que "este é o camiño que hai que tomar no día a día", a través dos centros de ciencia e investigación, para buscar máis produción e entregar semente ás confrarías.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.