Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 16/12/2023 | Actualizada ás 14:00
Prohibir o consumo de bebidas enerxéticas en menores. É realmente necesario? O argumento contra esta prohibición adoita ser que tamén hai moita xente adulta que toma tazas e tazas de café ao día que o estimulan do mesmo xeito que o pode facer unha bebida enerxética. O argumento a favor da prohibición, que en períodos tan temperás do desenvolvemento o consumo destas substancias con elevadas concentracións de cafeína pode xerar problemas a longo prazo que sexan irreversibles, e mesmo dependencia polas elevadas concentracións de azucre. Sen embargo, quenes máis saben do asunto son, dende logo, os nutricionistas, e por iso dende Galicia Confidencial quixemos preguntarlles a súa opinión sobre as bebidas enerxéticas como parte da dieta diaria dos menores, ás veces mesmo en inxentes cantidades, de tres ou catro latas por día.
Comezando polo principio, que é o que levan estas bebidas? Cales son as súas compoñentes? "A base destas bebidas enerxéticas, obviamente, é a auga", afirma o nutricionista Santiago Groba, que advirte de que hai que ter ollo con isto, porque "pode despistar moito a calquera que o vexa, porque se esta bebida ten un 90 e pico por cento de auga, non será tan mala, cando o verdadeiro problema está en que a auga foi mesturada con estimulantes, como a cafeína, que se atopa nunhas doses bastante elevadas neste tipo de bebidas, así como unha elevada cantidade de azucres libres, é dicir, aqueles que non están presentes de xeito natural nos alimentos, senón que se engaden de forma esóxena e, polo feito de ser libres, son fácilmente absorvibles polo noso organismo, e, ademais, ao estar disoltos nun líquido, a súa entrada ao torrente sanguíneo é aínda máis rápida". En resumo, Groba advirte de que, "básicamente, a negatividade deste tipo de produtos baséase no exceso de estimulantes, de cafeína nunha doses que superan o recomendado e dun alto contido de azucres libres".
Pero, cando se fala de cafeína, canto é moito? "A modo xeral, moito máis de 200 miligramos por día non é recomendable", explica Groba, que apunta que "unha taza de café convencional (duns 240 mililitros) ten en torno a 135 miligramos de cafeína". Un Monster, pola súa banda, ten 36 miligramos de cafeína por cada 100 gramos, e as latas adoitan ser de preto de 500 mililitros, o que daría como resultado 180 gramos de cafeína. Ademais, hai que ter en conta que "a persoa que toma este tipo de bebidas enerxéticas non toma unha, toma varias, entón o consumo de cafeína que fai a diario é unha verdadeira bestialidade". De feito, recorda que tomarse dúas latas é tomarse un litro desta bebida, e hai xente que toma catro, o que suporía dous litros ao día e 720 miligramos de cafeína en sangue. Unha bomba! No caso dun Red Bull, onde as latas son de menor tamaño (aínda que cada vez as fan máis grandes), con aproximadamente uns 250 mililitros estariamos a falar de 80 miligramos de cafeína, tomar dous equivalería a un Monster. Pero non pensemos que ten menos problema consumir unha botella de Coca-Cola de medio litro, porque con 592 mililitros chegaría aos 60 miligramos de cafeína.
Na mesma liña, a nutricionista Susana Rodríguez, indica que, ademais da cafeína, estas bebidas enerxéticas conteñen toda unha serie de estimulantes similares, como poden ser "o guaraná e o ginsen" e, especialmente, "a taurina". De feito, en moitas destas bebidas combinánse varias destas substancias estimulantes, o que supón "un conxunto moi potente, unha bomba bastante explosiva de estimulantes". Ademais, puntualiza que "todas aquelas bebidas que anden en máis de 30 miligramos de cafeína por cada 100 mililitros de produto serían xa consideradas bebidas estimulantes". Para canto máis un Monster que os supera en gran medida. Pódese chegar a sentir ese mesmo efecto estimulante tomando un café? Pois si, pero "o problema é que estamos a falar de que ese consumo coas bebidas enerxéticas estase a realizar nun período moi curto de tempo". "Eu podo chegar a esa cantidade de cafeína tomándome varios cafés ao longo do día, de feito hai moita xente adulta que chega a esa cantidade co café, pero non o está a tomar nun período tan curto, que fai que o efecto que che causa sexa moito maior", explica Rodríguez.
EFECTOS: SOBREEXCITACIÓN DO SISTEMA NERVIOSO, ANSIEDADE OU INSOMNIO
Máis en concreto, que provoca este elevado consumo de cafeína? Santiago Groba apunta como consecuencia principal "a sobreexcitación do sistema nervioso simpático, que está constantemente acelerado e que non permite que nos relaxemos nos momentos que debemos relaxarnos, polo que non se activan os procesos de reparación habituais". Estes procesos, como explica o experto, son procesos de "recuperación dun amplo abanico de funcións do organismo, a nivel de músculos, órganos, cerebro... que precisan deses momentos do día de calma para funcionar ben, e que, cando eso non se logra, pola sobreestimulación diaria á que se vén sometidos, pode dar lugar a múltiples patoloxías". Ademais, apunta a que, "en determinadas personas, e se son susceptibles diso, tamén pode dar lugar a problemas de ansiedade e insomnio". Este último derivaría dese consumo abusivo da cafeína sumado a "unha alta exposición a pantallas": "o combo perfecto para ter un sono de mala calidade, un mal rendemento ao acumular mal durmir durante días consecutivos, unha repercusión a nivel de rendemento cognitivo e, mesmo, trastornos de ansiedade, depresión... é dicir, non só se vería afectada a parte fisiolóxica, senón tamén a mental".
E é que, como recorda Groba, "isto todo é unha cadea: unimos redes sociais ata as tantas da noite ou incluso un consumo abusivo das mesmas ao longo do día con estas bebidas enerxéticas, o que pode derivar en que os adolescentes cheguen a entrar nese bloque de ansiedade e consumo máis excesivo propio das prácticas deportivas extenuantes, e ás veces mesmo son bebidas que se usan como produto anorexixénico, pois ao ter un alto contido en cafeína, tomadas en altos contextos, poden chegar a compensar a fame e rematar por desencadear trastornos de conduta alimentaria ou problemas de desnutrición". Como pode ser isto posible? Pois, como indica o experto, porque "a cafeína e os estimulantes danlle ao organismo sinais como se estivera facendo exercicio, porque estimulan o sistema nervioso". E, "cando unha persona fai exercicio non ten fame, así que se lle das un estimulante este vai descontrolar todo o ciclo da fame, vai dar unha falsa sensación de saciedade e, á súa vez, os propios azucres que contén van alterar o apetito, o que pode levar a entrar nese bucle de que non cubres as necesidades nutricionais en gran medida por non ter esa fame natural que se expresa en todo ser humano de forma lóxica".
Groba apunta que "os micronutrientes moitas veces son máis importantes que os macronutrientes". Estes serían o ferro, o calcio, o cinc, o iodo... "que teñen unha grande importancia nos procesos biolóxicos das persoas". E, se a todo isto, "engádese a particularidade de que a persoa consume comida basura ou ultraprocesados, que teñen unha alta densidade enerxética pero unha baixa densidade nutricional, temos o combo perfecto para que o crecemento dos adolescentes non se dea a nivel óptimo ou, incluso, para que haxa problemas no funcionamento do seu cerebro". Deste xeito, o nutricionista contempla que "o cerebro pode verse afectado por dúas vías: pola falta de descanso que pode xerar o estar todo o día estimulado ou tomar un Monster pola tarde, e pola falta de micronutrientes e, sobre todo, de nutrientes esenciais como as proteínas de calidade ou os ácidos graxos esenciais, aqueles que o corpo non pode fabricar en por el mesmo e precisa obter a través da alimentación".
OS GRANDES PROBLEMA: A DEPENDENCIA E A TOLERANCIA
Ademias, a nutricionista Susana Rodríguez pon o foco tamén na gran dependencia e tolerancia que xeran estas bebidas nos seus consumidores. "O principal problema, máis aló da dependencia, que tamén o é, está en que se xera unha gran tolerancia a esas substancias por parte dos seus consumidores habituais (maioritariamente adolescentes) e, iso conleva a que ao final precisen máis cantidade para chegar a notar o mesmo efecto", asegura a experta, que ademais afirma que a adicción radica en que "sinten a necesidade de volver ao estado no que se atopan cando as toman". Iso si, apunta que isto non é algo exclusivo das bebidas enerxéticas, aínda que nelas "o efecto é moito máis 'heavy'", pero "tamén pasa co cáfe, pois todos coñecemos a xente que di que se non se toma un café pola mañá non é quen de comezar o día, e iso é porque se remata por xerar esa adición". "Ao final ambas son substancias psicoactivas e, como tal, xeran adicción", conclúe.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.