Nace Uxía, o primeiro 'chatbot' con intelixencia artificial ao estilo Chat-GPT que entende e resposta en galego

Foi creado pola empresa galega Ticgal, especializada en solucións de tecnoloxía da información, para facilitar as tarefas de contestación rutineiras das preguntas que repetidamente lle facían os seus clientes. "A vantaxe da intelixencia artificial é, precisamente, que non hai esa fronteira entre linguas, eu creo que toda traballa en inglés e por detrás, ao mesmo tempo, vai facendo traducións ao idioma que ti lle digas", explica Óscar Beiro.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 12/12/2023 | Actualizada ás 21:11

Comparte esta noticia

A intelixencia artificial segue evolucionando e, se ata fai uns anos, o inglés era o único idioma co que nos podiamos comunicar con ela, o salto que houbo dun ano a esta parte xa permite que haxa asistentes conversacionais en todos os idiomas do mundo. Con todo, o tema do galego seguía sendo unha asignatura pendente para moitos destes sistemas, pois por exemplo o máis coñecido deles, Chat-GPT, non o entende. Do mesmo xeito que tampouco é posible falarlle en galego aos asistentes de voz de Google ou Amazon. Pero agora nace Uxía, o primeiro 'chatbot' ao estilo Chat-GPT que si que entende o galego e resposta tamén en galego, iso si, vinculado ao ámbito dunha empresa. E foi creado por Ticgal, unha empresa galega especializada en solucións de tecnoloxía da información (TI) a nivel local, nacional e internacional, cun enfoque na experiencia de GLPI (un 'software' de fonte aberta de xestión de servizos de tecnoloxía da información).

Uxía, a imaxe creada por Ticgal para o seu 'chatbot'
Uxía, a imaxe creada por Ticgal para o seu 'chatbot' | Fonte: Ticgal

"A vantaxe da intelixencia artificial é, precisamente, que non hai esa fronteira entre linguas, non hai que preparala a medida para unha lingua, senón que realmente eu creo que toda a intelixencia artificial traballa en inglés e por detrás, ao mesmo tempo, vai facendo traducións ao idioma que ti lle digas, que son as que che ofrece como resultado", explica Óscar Beiro. Uxía está adaptada para falar nos tres idiomas nos que a empresa dá soporte: galego, castelán e inglés, pero, como afirma Beiro, "iso é porque son os que nós entendemos para poder limitala (supervisala), pero se tivésemos a alguén aquí que soubera ruso ou chinés ou calquera outro idioma tamén poderiamos incorporalo". De feito, chancea con que "tivemos moitos máis problemas para elixir a bandeira para poñer á hora de elixir idioma, xa que non hai un 'emoji' da bandeira galega, o que nos obrigou a usar unha especie de satélite, que para poñer a intelixencia artificial en galego".

E como funciona Uxía? Pois está baseada no funcionamento de Chat-GPT. "Case todas estas ferramentas que se están a crear, aínda que non todas, usan Chat-GPT por detrás", asegura Beiro, que apunta que dende Ticgal "usamos unha ferramenta de terceiros e o que facemos é crear un fluxo de conversa". Esa é a principal diferenza con respecto aos 'chatbots' tradicionais que existían non fai tanto tempo, e que "aínda que semellan ser antigos, realmente non o son, o que pasa é que nun ano a intelixencia artificial deu unha volta incríble". Tanto é así que "antes tiñas que dicirlle ao 'chatbot' a resposta que querías que dese para cada pregunta: 'se che din ola estanche saudando e ti tes que respostar ola'", exemplifica Beiro, mentres que agora, "non lle tes que explicar o que lle ten que dicir ao usuario, porque a intelixencia artificial mesma xa está entendendo o que lle están a dicir".

UNHA EXPERIENCIA AGRADABLE PARA O CLIENTE QUE FACILITA A VIDA Á EMPRESA

Neste punto, asegura que "nós o que facemos é limitar a resposta que lle vaia a dar, porque non queremos que resposte calquera cousa, de maneira que acotamos: se o teu universo de resposta é este, tes que responder só o que está ubicado no noso servizo e nos nosos produtos". A lóxica é sinxela, como indica Beiro: "Como empresa tes uns servizos que ofertas e unha información que queres proporcionar aos teus clientes de forma interactiva, para non ter que estar explicándolle a unha persoa que cada vez que chamen preguntando por certa cousa ten que ler certo papel; a Uxía só se lle di que resposte o que xa sabe cando lle pregunten e, se non saben, que diga que ao cliente se lle vai pasar cun experto da empresa".

Deste xeito, Beiro está convencido de que esta ferramenta facilitará a vida tanto do cliente como da empresa, porque "ademais ten unha vantaxe adicional: os informáticos somos un pouco toxos, moi de dicir 'si' ou 'non', e nós a Uxía podémoslle deixar que faga unha resposta algo máis elaborada, que teña un pouco de verborrea, pero sen pasarse tampouco, porque podes limitala a dúas frases ou dicirlle que che conteste unha novela enteira, é dicir, podes limitar o número de caracteres da resposta". Así, sempre vai quedar máis natural, e non sempre que alguén lle pregunte o mesmo vai contestar o mesmo de xeito robotizado, irá fluctuando, aínda que o trasfondo da resposta sexa o mesmo. Ademais, como apunta este experto, "ti daslle unha determinada personalidade ao 'bot' e dislle que debe comportarse dunha determinada maneira: nós eliximos a Uxía, que é unha muller duns 40 anos amable, pero puidemos ter elixido un 'friki' da informática ou un experto en matemáticas".

FAI UNS ANOS ERA ALGO MUY CUSTOSO, AGORA DEMOCRATIZOUSE

E é que dende Ticgal aseguran que, "polo noso traballo, estamos acostumados a respostar todos os días a un feixe de preguntas recorrentes, o cal é un traballo moi cansado e aporta cero valor". "Moitas veces os clientes pregúntanche polo mesmo: polo custe dunha aplicación, se é compatible con Android e con iOS... E esas respostas pódense automatizar", asegura Beiro, que indica que "aínda que hai cousas que só son útiles para un cliente particular, hai outras que poden servir para moitos". Pon o exemplo do alerón dun coche. Se alguén o quere vermello cun Piolín detrás non podemos fabricar isto en masa porque é só para unha persoa, pero se tes unha idea para fabricar un alerón de coche que se pode usar noutros 100, podes facelo en cadea: ao cliente sáelle máis barato e ti ofertas ese produto a outros. En Ticgal, "ao ser unha empresa pequena, precisabamos ter ese primeiro nivel de resposta de preguntas comúns para os clientes, porque non temos tantos recursos como para contratar a unha persoa só para estar respondendo ás mesmas preguntas sempre".

Isto non é nada novo, é algo que xa se vén xestando dende fai anos, pero antes as intelixencias artificial eran algo moi custoso. "Nós intentamos facer isto xa fai un par de anos, pero era carísimo, había poucas empresas que o fixesen e pouca xente para facelo", explica Beiro, que engade que "eu intentei localizar xente en Galicia para facelo e o prezo era prohibitivo". Sen embargo, dun ano cara esta parte, "a intelixencia artificial deu un salto adiante grandísimo e agora é asequible". Chegados a este punto, Beiro agarda "que nos cambie un pouco a vida para mellor a todos". Ademais, afirma que "aínda que Uxía é o noso propio 'chatbot', a nosa idea é que se convirta nun proxecto que chegue a calquera empresa, é dicir, que se poida personalizar en función das necesidades do cliente".

POR QUE SE CHAMA UXÍA?

Dende Ticgal explican que Uxía é un nome que leva un significado importante, reflicte a adicación á innovación e aos valores culturais. A inspiración para este nome vén das súas raíces gregas, cun significado de ben nado ou nobre. Así, afirman que o nome feminino de catro letras encerra dous principios esenciais: ux-, que representa o compromiso da empresa na mellora da experiencia de usuario, indo máis aló do 'chatbot' típico; e -ia, siglas para facer referencia a esa intelixencia artificial que hai detrás do sistema. Tamén defenden que a elección dun nome galego como Uxía é deliberada, pola adicación de Ticgal á lingua do país no que foi creada a empresa e ao noso patrimonio cultural. É unha maneira de honrar as raíces e a identidade, reflectindo a conexión coa terra. Ademais, o adestramento de Uxía aínda está en curso, pois ten menos dun mes, así que estase a actualizar e adaptar continuamente. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Sentidiño

Cando saia Uxío, por favor, que se pareza a Johnny Depp...