Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/12/2023 | Actualizada ás 17:13
O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices, mantivo este martes un encontro de traballo cunha delegación de deputadas e deputados da Lexislatura da Cidade Autónoma de Buenos Aires, cos que intercambiou experiencias de xestión parlamentaria e sobre o funcionamento das cámaras. No encontro participaron, entre outros integrantes da Lexislatura Porteña (formada por 60 deputados) o vicepresidente primeiro, Matías Damián López; o subsecretario de Fortalecemento e Intercambio Institucional, Pablo Garzonio; e a deputada María Cecilia Ferrero.
Santalices explicou o funcionamento do Parlamento de Galicia, subliñando que é unha das Cámaras autonómicas máis activas de España, á vez que compartiu cos seus interlocutores a boa acollida que están a recibir iniciativas como os diferentes programas de visitas guiadas á sede do Parlamento de Galicia, as charlas divulgativas impartidas por exdiputados en centros educativos ou as medidas impulsadas para favorecer a participación cidadá.
O presidente do Parlamento de Galicia tivo tamén palabras de afecto para os vínculos que unen Galicia coa República Arxentina. Para Santalices, a Galicia exterior, que ten en Buenos Aires unha cidade de referencia, "está presente en todas as realidades da Galicia contemporánea", en ámbitos tan diversos como o económico, cultural, político, académico ou familiar.
Tamén lembrou que Buenos Aires está presente no imaxinario colectivo de Galicia, forxado a partir do impacto que a cidade causaba sobre os emigrantes galegos cando chegaban por vez primeira á capital porteña. "Os nosos paisanos, que outrora deixaban atrás unha Galicia empobrecida, quedaban asombrados polos avances e a prosperidade que atopaban nesta capital, unha modernidade que apenas podían imaxinar nolos seus lugares de orixe", apuntou. Miguel Santalices inaugurará esta tarde a exposición 'O poder da palabra. Un percorrido pola historia do Parlamento de Galicia', que quedará aberta ao público na sede do Centro Galicia de Buenos Aires.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.