Exposición sobre a historia do Parlamento de Galicia en Buenos Aires: "Hoxe somos unha terra aberta ao retorno de emigrados"

O Centro Galicia de Buenos Aires acolle a exposición 'O poder da palabra. Un percorrido pola historia do Parlamento de Galicia', unha mostra inicialmente concibida para conmemorar as primeiras catro décadas da autonomía galega, e que agora chega á considerada "quinta provincia galega".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/12/2023 | Actualizada ás 12:04

Comparte esta noticia

O Centro Galicia de Buenos Aires acolle a exposición 'O poder da palabra. Un percorrido pola historia do Parlamento de Galicia', unha mostra inicialmente concibida para conmemorar as primeiras catro décadas da autonomía galega, e que agora chega á considerada "quinta provincia galega". A mostra foi inaugurada polo presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, acompañado polo comisario da exposición, o catedrático emérito de Historia Contemporánea e ex reitor da Universidade de Santiago, Ramón Villares.

Tamén participou o presidente do Centro Galicia, Jesús Mosquera; a embaixadora de España en Arxentina, María Jesús Alonso; o cónsul cultural da Embaixada, Roberto Varela; e o delegado da Xunta en Buenos Aires, Alejandro López Dobarro; ademais dunha numerosa representación da colonia galega e das diferentes entidades e centros que a agrupan.

Na súa intervención, Santalices Vieira asegurou que levar esta exposición a Buenos Aires é unha obrigación para o lexislativo galego. "Buenos Aires foi, de facto, durante moito tempo, a capital cultural de Galicia", destacou para sinalar que "a historia de Galicia non pode nin debe entenderse sen a emigración, sen o exilio, sen o talento e sen a contribución da Galicia de ultramar ao proceso de construción da autonomía galega".

Esta exposición, "amena, didáctica e rigorosa", en palabras de Santalices, xurdiu para facer memoria das catro primeiras décadas de autonomía galega, "a etapa de maior crecemento, estabilidade e progreso de toda a nosa historia". O titular da Cámara galega lembrou que xunto á exposición que agora se abre na capital arxentina editouse un extenso volume, coordinado tamén por Ramón Villares, no que académicos das tres universidades galegas analizan a evolución da Comunidade autónoma nas últimas catro décadas. O libro está publicado na web do Parlamento de Galicia e pódese descargar de forma gratuíta.

DEMOCRACIA, AUTONOMÍA E INTEGRACIÓN EUROPEA

Décadas despois da chegada masiva de emigrantes galegos a Arxentina, "aquela Galicia atrasada, na que calquera aspiración a unha vida mellor pasada, case inexcusablemente, pola emigración, quedou atrás para sempre". Tres factores explican, segundo Santalices, ese avance: a democracia, a autonomía e a integración en Europa. Mentres que a Galicia de outrora era terra de emigración, "hoxe é unha terra aberta ao retorno dos descendentes que opten polo camiño inverso".

Este cambio de paradigma garda relación, segundo explicou o presidente do Parlamento, coas novas oportunidades que foron xurdindo da man da autonomía que Galicia xestiona con prudencia e con rigor desde hai máis de 40 anos, máis de catro décadas das que se fai memoria nesta mostra que recala en Buenos Aires. En concreto, a exposición está integrada por 24 paneis, un vídeo divulgativo e 17 vitrinas con documentación histórica e bibliográfica relacionada co proceso de configuración da autonomía de Galicia. Unha copia desta mostra será inaugurada o venres 15 de decembro en Montevideo, na sede do poder lexislativo da República Oriental do Uruguai.

O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices, inaugura en Buenos Aires a exposición sobre a historia do Parlamento de Galicia
O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices, inaugura en Buenos Aires a exposición sobre a historia do Parlamento de Galicia | Fonte: PARLAMENTO DE GALICIA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta