Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/12/2023 | Actualizada ás 14:50
As concesionarias das autoestradas aumentarán os prezos o vindeiro ano. A inflación calculada para o incremento das peaxes alcanza o 4,03%. Trátase dun resultado obtido coa fórmula consensuada entre o Ministerio de Transportes e Mobilidade Sustentable e as empresas privadas e é superior ao 3,2% de IPC interanual de novembro ou do 3,8% que subirán as pensións.
No entanto, o Goberno terá que decidir agora se aplica toda a subida ou só unha parte, compensando ás empresas con outros mecanismos, ou mesmo se aplica unha subida maior para compensar a redución aplicada para 2023, segundo confirmaron a Europa Press en fontes do sector do transporte.
Para este exercicio, a fórmula arroxaba un incremento do 8,4% (nalgúns casos do 9,46%), pero o Goberno decidiu limitala ao 4% para paliar o efecto nos usuarios, e mesmo conxelala nas autoestradas xestionadas polo Estado. Por iso, o Ministerio reservou unha partida de 23,3 millóns de euros para compensar ás empresas por esa perda de ingresos.
GALICIA
Precisamente, este mesmo xoves o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, ratificaba a conxelación do prezo das peaxes nas autoestradas autonómicas para o próximo ano e volvía reclamar ao Estado que asuma o custo do da AP-53, que une Santiago e Lalín, para liberar aos usuarios.
Na rolda de prensa posterior á reunión do seu Goberno, Rueda informou de que, por segundo ano consecutivo, o Goberno galego acordou conxelar estes prezos para o ano 2024. En concreto, trátase da autoestrada AG-55, que une Carballo e A Coruña, e a AG-57, a autoestrada do Val Miñor.
"A subida do IPC non se ten que repercutir nos usuarios", defendeu Rueda, que volveu a reclamar ao Executivo estatal que "faga o mesmo" as autoestradas da súa titularidade. Así, incidiu en que o Goberno do Estado debe asumir a peaxe da AP-53, a autoestrada que une Santiago e Lalín.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.