Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/12/2023 | Actualizada ás 18:07
Todo o territorio galego entra este venres en período libre de transmisión da lingua azul no gando. Durante este espazo temporal, que se estima ata abril, non haberá restricións o en desprazamento do gando sen vacinar ou que non teña como orixe unha explotación vacinada.
Desde o 1 de decembro xa tiñan esta consideración a provincia de Ourense e a maior parte da de Lugo, ás que se suman agora A Coruña e Pontevedra ademais das comarcas lucenses restantes --A Mariña Occidental, A Mariña Central e A Mariña Oriental--.
Este período libre de transmisión establécese a partir do trampeo continuado dos mosquitos transmisores da lingua azul, dado que é unha enfermidade vírica que se transmite por picaduras no gando. No ámbito estatal realízanse controis que achegan información da presenza e da cantidade e distribución do insecto vector.
Segundo a información obtida nos trampeos, o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación determinou que se inicia un espazo de tempo estacional libre do vector en diferentes zonas de España, entre as que se atopa Galicia.
VACINACIÓN
Con todo, segundo trasladou a Xunta nun comunicado de prensa, é "fundamental" seguir vacinando aos bovinos e ovinos neste período. Insistiu tamén en que en marzo a consellería de Medio Rural iniciou unha vacinación "masiva" na que se investiron 2,4 millóns de euros para a vacinación de 368.000 animais.
Ademais, a Xunta continuará coa campaña de vacinación no 2024 para ter protexidos aos animais no momento en que finalice o período libre de vector, previsiblemente a finais de abril, co que volverán as restricións de movemento dos animais sen vacinar.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.