Un Nadal sen choivas en Galicia, despois de que o pasado outubro chovese un 76 % máis do habitual

A o prevé a Aemet tras un 2023 que se estima acabará sendo "o máis cálido" da serie histórica.

Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 19/12/2023 | Actualizada ás 14:56

Comparte esta noticia

O tempo será estable e asollado este Nadal en Galicia, sen previsión de precipitacións, segundo o prognóstico da Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet) que apunta, non entanto, a néboas e xeadas nalgunhas zonas como o interior da comunidade autónoma. Para a Noitevella, o delegado da Aemet en Galicia, Francisco Infante, indicou que non é posible dar un avance fiable, aínda que apuntou que "parece que o tempo será estable". Todo iso coa previsión de que 2023 acabe sendo "o máis cálido da serie histórica".

En rolda de prensa, Francisco Infante remarcou que desde o outono do ano pasado levan "catro estacións seguidas moi cálidas" mentres que en canto a precipitacións a primavera foi "seca" cun verán e outono "húmidos". Deste outono, dixo que foi "extremadamente cálido e húmido". "O máis cálido e o máis chuvioso", apuntou en referencia aos datos que se teñen desde que hai rexistros, en 1961. "Choveu máis do dobre do que é habitual nesta época", remarcou.

Xa sobre as temperaturas, destacou as altas temperaturas rexistradas, sobre todo en outubro. "Novembro tamén moi cálido, o cuarto máis cálido da serie histórica", apostilou. Respecto das precipitacións, expuxo que en outubro choveu "un 76 % máis do que é habitual. "O máis chuvioso por detrás de 2006", citou, entre outros datos. En particular, destacou o feito de que entre o 12 de outubro e o 15 de novembro case non deixase de chover. "Todos os días choveu e moitos días rexistraron precipitacións".

BALANCE DO ANO

Como balance do ano, indicou que, de maneira provisional á espera de ter os datos definitivos, acabará sendo en Galicia "o máis cálido da serie histórica". Do inverno, explicou que entre hoxe e mañá haberá unha fronte que deixará precipitacións para ter ata o venres unha situación anticiclónica, que se manterá en Noiteboa e Nadal, onde non se prevén precipitacións. O prognóstico para o próximo trimestre é, mentres, que sexa máis cálido do normal con precipitacións como o que sucedeu neste trimestre. "Máis chuvioso e húmido do normal", sentenciou.

Varias persoas nas praias Orzán e Riazor, a 8 de abril de 2022, na Coruña
Varias persoas nas praias Orzán e Riazor, a 8 de abril de 2022, na Coruña | Fonte: Álvaro Ballesteros - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta