Arde un bus urbano en Santiago mentres circulaba baleiro

O estado dos autobuses que prestan servizo en Santiago xerou numerosas incidencias nos últimos meses, a última hai xusto unha semana, cando unha explosión na maquinaria dun dos vehículos provocou danos auditivos a un pasaxeiro que esperaba nunha parada.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/12/2023 | Actualizada ás 14:01

Comparte esta noticia

Un incendio calcinou na mañá deste mércores un autobús urbano de Santiago que circulaba baleiro por en ligazón entre os polígonos de Costa Vella e Tambre. Segundo informaron a Europa Press fontes do CIAE 112-Galicia, o suceso produciuse pouco despois das 12,00 horas, cando un condutor chamou aos servizos de emerxencias para alertar de que un autobús urbano estaba a arder na vía.

O suceso produciuse na Rúa de Amio, fronte a unha gasolineira, precisamente nas proximidades das cocheiras dos autobuses urbanos composteláns. O vehículo circulaba baleiro cando varios condutores se decataron de que estaba a arder, polo que deron aviso ao condutor. Este baixou do autobús e tratou de apagar as chamas cun extintor.

Ata a zona desprazáronse os Bombeiros de Santiago, que tiveron que intervir para frear as chamas. Tamén participaron no operativo axentes de Policía Local, Policía Nacional e Protección Civil. Por sorte, non houbo que lamentar feridos.

O estado dos autobuses que prestan servizo en Santiago xerou numerosas incidencias nos últimos meses, a última hai xusto unha semana, cando unha explosión na maquinaria dun dos vehículos provocou danos auditivos a un pasaxeiro que esperaba nunha parada.

O contrato de transporte de Santiago está prorrogado desde 2017 e a súa renovación sufriu varios reveses, o último este mesmo ano, tras a chegada do novo goberno local, coa necesidade de reiniciar o proceso por mor da subida de custos. Esta situación convive co mal estado no que está boa parte da frota, o que obrigou ata en dúas ocasións a dedicar partidas para aluguer de novos autobuses.

Camión de bombeiros
Camión de bombeiros | Fonte: EDIMA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta