Noutrora, o monte comunal era o soporte da vida dos habitantes das parroquias, de todos os que tiñan dereito indivisible a obteren beneficios del. Desaparecidas utilidades como fornecer o esquilme e pastos para o gando vacún e cabalar, hoxe repórtanlles ás comunidades veciñais outros rendementos imprescindibles para manter unha calidade de vida digna. Pensemos, por exemplo, nos acuíferos para o abastecementos de auga para as casas, ou o aproveitamento para a rega de terras que se fai por quendas; ou as periódicas talas.
Os montes comunais, que foron os espazos dos máis antigos asentamentos da vida castrexa dan acubillo a un inxente patrimonio cultural de variado tipo que os singulariza de tal maneira porque todo o que hai neles ten nomes de seu. Os penedos, searas, regatos… flora e fauna, teñen cadanseu nome orixinal en lingua galega. Pénsese, por exemplo, na inmensa variedade de herbas, mediciñais ou non que recibiron dos nosos devanceiros cadanseu nome. Estamos, pois a falar, dun patrimonio cultural e lingüístico dunha magnitude inconmensurable sen parangón na nosa contorna xeográfica; ata o punto de que por volta dos anos setenta en Galicia o censo dos topónimos, maiores e menores, ascendencian a dez millóns.
Podemos afirmar que en Galicia o pobo púxolle sempre nomes a todo; calquera anaco de terra por pequeno que sexa ten a súa denominación, que é coñecido pola veciñanza, sendo nomeados de tal orixinal maneira por moitas xeracións. As escrituras públicas deixan constancia desa riqueza patronímica.
Sen embargo, hai unha excepción na que o castelán desprazou á lingua galega; estes espazos son os cemiterios. As comunidades de montes veciñais teñen que reflexionar sobre este particular: como é posible que os panteóns e sartegos non se identifiquen pola lingua galega, como o resto do territorio parroquial?.
As directivas destas comunidades que tanto ben veñen facendo apoiando iniciativas culturais que cohesionan socialmente as parroquias ( festas, grupos de música tradicional…) deberan extender tamén esas dádivas económicas á restauración lingüística dos cemiterios, reforzando asi a urdime sentimental da parroquia dos mortos homologándoa coa dos vivos. O poeta Ramón Cabanillas expresouno moi acaidamente con estes versos: Galicia! Nai e Señora/ sempre garimosa e forte;/ preto e lonxe; onte, agora,/ mañá...na vida e na morte”.
A Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística (www.galeguizargalicia.gal) vén de enviarlle tal proposta á Organización Galega de Montes Veciñais en Man Común, que aglutina a máis de 150 entidades, para que tomen o acordo de harmonizar e homenaxear a memoria lingüística dos mortos coa dos vivos, subvencionando as lápidas dos defuntos sempre que os seus epitafios sexan en galego.
A primeira comunidade de montes que tomou este acordo, que fará historia, é a da parroquia de Couso en Gondomar, no Val Miñor, situada ao pé da vizosa Serra do Galiñeiro, entidade tan modélica entre outras actividades como na organización do monte e a acertada xestión que fan dos seus recursos. A partir deste mes as familias das persoas falecidas poderanse beneficiar dos 300 euros destinados a fomentar o uso da lingua galega nas lápidas. A súa louvable decisión é merecente de ser secundada por máis xuntas directivas doutras comunidades de montes. Queremos unha Galicia máis galega.