Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/12/2023 | Actualizada ás 11:01
As licenzas concedidas para a construción de edificios de nova planta en Galicia situáronse nas 178 en setembro, o que supón unha caída do 20,1% respecto ao mesmo mes de 2022, segundo datos publicados este venres polo Instituto Galego de Estatística (IGE), recollidos por Europa Press.
Sobre edificacións xa existentes, concedéronse licenzas para 154 obras de rehabilitación e 13 para traballos de demolición. Estas licenzas permitirán construír 241 novas vivendas, o que supón un 3,4% máis que en setembro do exercicio pasado. Ademais, rehabilitaranse 67 domicilios, tres máis que no mesmo mes de 2022, e demoleranse un total de 19, 10 menos que hai un ano.
ESFORZO FINANCEIRO
Pola súa banda, o IGE tamén publica este venres os datos do esforzo financeiro que realizan os galegos para o pago da súa hipoteca, que continúa subindo trimestre a trimestre.
En concreto, entre xullo e setembro os habitantes de Galicia destinaron un 29,4% do seu salario anual a custear o pago da súa vivenda, un punto porcentual máis que no trimestre anterior e máis de seis puntos por encima que en 2021.
SECTOR DA CONSTRUCIÓN
Ademais, o Instituto Galego de Estatística publicou un documento de análise do sector da construción, no cal recolle que o seu valor engadido bruto baixou un 0,1% no terceiro trimestre, con respecto ao mesmo período de 2022, tras un peor comportamento da licitación oficial e da edificación que no trimestre anterior.
Con todo, o emprego creceu un 3,1%, o que orixina un descenso da produtividade. A afiliación media subiu un 1,8%, con máis de 81.400 traballadores.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.