Podemos presentará ás eleccións do 18F unha lista respaldada por só o 41% dos inscritos

Está encabezada por Isabel Faraldo, a edil que rompeu coa Marea Atlántica e quedou como non adscrita no concello da Coruña. Logo foi de dous na lista de José Manuel Sande, que agora está con Sumar.

Por Xurxo Salgado | Compostela | 30/12/2023 | Actualizada ás 14:40

Comparte esta noticia

Podemos irá ás eleccións galegas en solitario ou iso parece se se ten en conta o resultado da votación aos seus inscritos. Con todo, semella confuso o que vai pasar con esta formación, que en tres días pasou de anunciar un acordo con Sumar a, agora, dicir que irán en solitario aos comicios galegos. O que si semella máis claro é a división que existe no partido morado e que dá lugar a moitas incógnitas.

O ex candidato á alcaldía da Coruña, José Manuel Sande, acompañado pola coordinadora local de Esquerda Unida, Carmen Armada, e a responsable de Podemos na Coruña e concelleira non adscrita no consistorio coruñés, Isabel Faraldo.. PODEMOS
O ex candidato á alcaldía da Coruña, José Manuel Sande, acompañado pola coordinadora local de Esquerda Unida, Carmen Armada, e a responsable de Podemos na Coruña e concelleira non adscrita no consistorio coruñés, Isabel Faraldo.. PODEMOS

 

Se se teñen en conta as declaracións dos últimos días é difícil interpretar o que acontece nesta organización. Así, por un lado a dirección de Madrid non apoiaba o acordo con Sumar asinado pola dirección galega; mentres Pablo Iglesias, fundador de Podemos, reclamaba que non se presentaran e pedía o voto para o BNG e pola outra banda, outro dos fundadores, Juan Carlos Monedero, apostaba polo contrario, que foran en coalición con Sumar.

 

Pero, ao final, falaron os inscritos, que é o poder supremo do "morados", ou diso sempre presume a súa dirección. E os inscritos dixeron "non" ao acordo de Sumar por unha importante maioría, máis do 62%, pero non dixeron o mesmo sobre a lista que os vai representar que non ten, nin de preto, a maioría mínima para presentarse, é dicir, máis do 50% do respaldo. 

 

ESCENARIO DIFÍCIL

 

E, o escenario actual é que só o 41% dos inscritos votou pola lista "oficialista", a de "Transformar Galicia", que encabeza a ex edil da Coruña Isabel Faraldo, fronte a un 34% que apostou pola "non oficialista", a de Rexurdir Galicia. No medio, case 24% que votaron en branco, 595 persoas.

 

E que vai pasar agora?... Asumiranse responsabilidades por incluír a última hora o acordo con Sumar que foi amplamente rexeitado polos inscritos?.  Haberá integración das dúas listas?. Desde a dirección de Podemos gardan silencio mentres apuntan que, eles, a dirección --a de Galicia, hai que aclarar---, están coa lista "oficialista", a que foi a máis votada pero que non acadou a mínima maioría do 50%.

 

Unha integración que semella complicada se se ten en conta que a lista "non o ficialista" estaba conformada por persoas vinculadas ao rival do actual coordinador, Borja San Ramón, na elección da dirección tras a saída de Antón Gómez-Reino.

 

FARALDO, RIVAL DE MAREA ATLÁNTICA E AGORA DE SANDE

 

Tampouco hai que esquencer que, como candidata da lista "oficialista" que gañou co 41% dos votos está Isabel Faraldo, que entrou en María Pita tras presentarse dentro das listas da Marea Atlántica e da que se desvinculou e tomou posesión da súa acta como non adscrita, algo semellante ao que acaban de facer os cinco deputados de Podemos co grupo de Sumar no Congreso. 

 

Curiosamente Isabel Faraldo ía de número dous na lista Por Coruña, que se enfrontou á da Marea Atlantica nas antariores eleccións municipais na Coruña e que estaba encabezada por José Manuel Sande, tamén ex edil da Marea Atlántica. Ningunha das listas obtivo representación municipal. Hoxe Sande traballa con Yolanda Díaz no Movemento Sumar. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta