Por Galicia Confidencial | A Coruña | 06/01/2024 | Actualizada ás 10:00
A primeira parte do evento constou dunha lectura de poetas galegos e galegas cantando a Palestina, no que se destacou a afinidade e conexións entre ambos pobos. Sechu Sende, poeta, escritor e activista desta causa, entre outras moitas, pechou esta primeira parte do acto lendo algún dos seus poemas e chamando á solidaridade entre os pobos oprimidos.
A continuación, as persoas gañadoras do Poetry Slam Bóveda, Carral e Compostela 2023, Simón Rodríguez (Galego de Caracas), Inés Mosquera (Poesía da Casa) e Paula Pier respectivamente, conformaron esta primeira final do Poetry Slam Galicia na que deron lectura a dous poemas propios que foron valorados polo xurado popular elixido entre os asistentes que enchían o Lume e Ferro.
Tras as dúas roldas de recitado, Paula Pier, proclamouse gañadora do I Poetry Slam Galicia e recibiu o xa tradicional bolo de pan de Carral que foi compartido co resto de finalistas. Paula estreará no Teatro Rosalía de Castro da Coruña o seu traballo EU, FRAUDE! o 12 de xaneiro, espectáculo para o que se poden mercar as entradas a través da taquilla online.
O acto rematou coa escoita de poemas palestinos en lingua orixinal e cun recitado de textos traducidos ao galego. Séchu Sende puxo o ramo ao acto con outra intervención poética que rematou cun unánime Palestina Libre!
AGRADECEMENTOS E PREPARACIÓN XA DO SEGUINTE POETRY SLAM
A AEC Lacrar agradeceu a axuda na organización ao Poetry Slam Bóveda e Compostela, así como tamén ás finalistas e a Sechu Sende, pola súa colaboración e constante apoio.
Dende a entidade convidan xa á participación na 2ª edición do Poetry Slam Carral. O primeiro evento terá lugar o 25 de xaneiro no Lume e Ferro e as interesadas e interesados poden anotarse a través do correo poetryslamcarral@gmail.com ou a través das redes sociais.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.