A contaminación dos pellets non só afectará ás aves e ao peixe, tamén chegará ao marisco

O patrón maior de Noia, Santiago Cruz, lamenta que "ao cabo de anos, se non se recollen a tempo, ao degradarse o material soltará as substancias tóxicas que poderían filtrarse aos mosluscos, aos berberechos e á ameixa".

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 05/01/2024 | Actualizada ás 13:55

Comparte esta noticia

Os pellets non deixan de chegar ás costas galegas. Xa se contabilizan restos destes microplásticos nun total de 26 areais de 12 concellos e a cousa semella que non se vai deter facilmente. Mentres os voluntarios e os concellos se afanan por limpar o que poden e as mareas non deixan de traer novos residuos, ante a falta de concreción de medidas por parte da Xunta, que asegura estar xa en contacto coa empresa responsable do barco que perdeu a carga, a preocupación no sector do mar é maiúscula: que consecuencias terá isto para a fauna mariña e os nosos ecosistemas? 

Ameixas
Ameixas | Fonte: Dianaccm08 en Wikimedia - Arquivo

Falamos co patrón maior da Confraría de Pescadores San Bartolomé de Noia, Santiago Cruz, que asegura que falaron coa bióloga que teñen á man e que esta lles confirmou que "este problema afectará a todo o ecosistema, tanto ás aves como aos peixes e aos moluscos, aos berberechos e á ameixa". E é que ao tratarse de boliñas moi pequenas, ao picotear na area para atopar vermes e outros insectos, os paxaros poden inxerilas accidentalmente. Pola súa banda, os peixes e os mamíferos mariños poden confundilas con ovos comestibles doutros animais. E, a longo prazo, os moluscos tamén recibirán as substancias tóxicas.

Santiago Cruz apunta a que "ao cabo de anos, se estes pellets non se recollen a tempo, o cal está a ser moi difícil, ao degradarse o material soltará as substancias tóxicas e poderían filtrarse aos moluscos". Lamenta que "as rías xa non soportan máis contaminación e por se fose pouco a que había, agora chega esta". E é que cabe recordar que os mariscadores galegos xa sufriron esta campaña perdas de ata o 80 % debido á elevada moltaldade do marisco ante a baixada de salinidade das augas, ben pola apertura dos encoros ou pola abundancia das choivas.

Non gañan para desgustos. Ante esta catástrofe, Santiago Cruz advirte de que "verter sae barato, e hai que ser máis contundentes, dende as administracións, e sancionar con máis forza ás empresas que verten tanto plástico como substancias químicas ás rías". Agora só lles queda confiar en que "a Xunta poña en marcha iniciativas de recollida, aínda que cando xa se esparexen é bastante difícil recollelos, polo que neste momento xa había que ter un protocolo en marcha dende a Consellería de Medio Ambiente para actuar inmediatamente". Cabe recordar que o verquido se produxo fai cousa dun mes, o pasado 8 de decembro. 

LISTADO DE AVISTAMENTOS

Porto do Son - Praia das Furnas, praia de Queiruga, praia de Sarrosa, San Pedro de Muro (praia das Furnas mirando á esquerda, ao carón de Espiñeirido), praia de Coira (Portosín), praia das Gaivotas

Pellets achados na praia das Furnas
Pellets achados na praia das Furnas | Fonte: Noia Limpa - Arquivo

Ribeira - Praia de Espiñeirido e Balieiros, EDAR de Corrubedo, a esquerda do Faro de Corrubedo, praia da Ladeira

Ribadeo - Praia cerca da praia das Catedrais

Cervo - Praia de Cervo

Carballo - Praia de Amela, cerca da praia de Baldaio

Carnota - Praia de Lariño, praia de Carnota, praia do Pindo

Noia - Praia de Boa Grande, praia de Boa Pequena, praia de Taramancos

Muros - Praia do Espadanal, praia de Bornalle, praia de Area Maior (Louro)

Outes - Praia de Broña

Cabana de Bergantiños - Praia de Rebordelo

Illa de Arousa - Praia Niño de Corvo

Fisterra - Praia de Sardiñeiro

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta