Por Moncho Mariño | Santiago | 07/01/2024 | Actualizada ás 20:45
O SERGAS anunciaba o inicio da vacinación contra o herpes zóster a partir do 10 de abril de 2023, dous meses antes do previsto no calendario de vacinacións. O motivo apuntado polas autoridades sanitarias galegas é “a axilización dos procesos relacionados coa adquisición e dispoñibilidade das doses necesarias”. Así a poboación que cumpra 65 e 80 anos, persoas nadas nos anos 1958 e 1943, serán as que reciban a dose pertinente. Outros segmentos da poboación que reciben esta vacina son persoas maiores de 18 anos consideradas de alto risco: quen recibiu un transplante autólogo, de órgano sólido, que leven tratamentos antirretroviral, hemopatías malignas ou quimioterapia.
QUE É O HERPES ZÓSTER?
Para empezar, “é unha enfermidade de baixa mortalidade, pero moi prevalente. No ano 2022 a incidencia en Galicia foi de 390,94 casos/100.000 habitantes” din desde a Consellería de Sanidade. É unha doenza vírica da pel producida polo virus Varicela Zoster, o mesmo que provoca a varicela en nenos. No caso concreto do Herpes Zóster “pode aparecer en persoas que xa sufriron a varicela e isto ocorre cunha reactivación do virus que está latente no corpo” sinala a doutora Consuelo Cebreiro da clínica Dermogalicia.
O herpes zóster maniféstase con lesións vesiculosas (que teñen líquido dentro) en calquera zona do tegumento. Estas lesións van seguindo traxectos nerviosos do corpo e “tamén hai manifestación de ardor e picor na área onde aparecerán as lesións” di Consuelo Cebreiro. O herpes simple pode distinguirse do zóster en que “o primeiro non segue traxectos lineais como fai o segundo, á parte que o herpes simple crea un grupo de vesículas sobre unha base eritematoedematosa” di Cebreiro.
A consecuencia máis grave que pode vir deste herpes é a neuralxia postherpética (NPH) que pode ocasionar discapacidade e diminución da calidade de vida “constituíndo un problema de saúde pública” din desde Sanidade que lembran: “Estamos diante dunha doenza frecuente, con baixa mortalidade mais con reprecusións na calidade de vida dos doentes”.
O herpes zóster é contaxioso “especialmente na fase de vesiculación e o contaxio prodúcese por contacto directo coas secrecións das vesículas” apunta a doutora Cebreiro.
Non estamos diante dunha doenza hereditaria senón infecciosa. Sanidade aconsella algunhas medidas para evitar a transmisión deste herpes:
- cubrir as vesículas
- evitar tocarse ou rañar
- lavado frecuente de mans
- evitar contacto con persoas vulnerables (embarazadas, bebés, persoas inmunodeprimidas ou que estean tomando algún tratamento inmunosupresor).
POR QUE A VACINACIÓN?
A vacinación contra o Herpes Zóster foi introducida no calendario de vacinas para as persoas de 65 e de 80 anos o 10 de abril de 2023. “Previamente xa estaba indicada para persoas de 18 e máis anos pertencentes a grupos de alto risco” din desde a Consellería.
Por outra parte, a Consellería engade que o inicio da vacinación estaba previsto para xuño de 2023 mais adiantouse a abril do ano pasado debido á “axilización dos procesos relacionados coa compra e dispoñibilidade das doses necesarias”. Despois disto, o 27 de marzo publicouse a instrución na que se incluía a vacinación do herpes zóster (HZ), a partir do 10 de abril, no calendario de vacinación ao longo de toda a vida, para as persoas de 65 e de 80 anos.
Para cubrir as necesidades de vacinación Sanidade estima que para 2024 se merquen sobre “60 mil doses, para vacinar tanto a poboación que a ten indicada por idade como para grupos de risco, que se poderán ampliar en función das coberturas que se acaden”.
Doutra banda temos as consecuencias do herpes zóster. Como indica a doutora Consuelo Cebreiro: “calquera cadro herpético ten un curso autoinvolutivo, isto é, curaría sen tratamento, mais no caso do herpes zóster é importante comezar o tratamento farmacolóxico a máis non tardar para evitar complicacións como a queratite postherpética (afectación da córnea ocular que pode levar á cegueira) e a neuralxia postherpética. Ambas as dúas son as complicacións máis frecuentes neste cadro”.
A axilización burocrática para mercar mediante licitación pública as doses necesarias, xunto coa prevención dun herpes que, de non curar ben pode deixar secuelas importantes, motivaron o adianto da vacinación contra o zóster.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.