Convocados os premios Álvaro Cunqueiro para textos teatrais, Manuel María e Barriga verde de teatro de monicreques

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/01/2024 | Actualizada ás 11:27

Comparte esta noticia

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou as bases dos premios XXVII Álvaro Cunqueiro para textos teatrais, XIII Manuel María de literatura dramática infantil e XVI Barriga Verde de textos para teatro de monicreques.

Tal e como se recolle na convocatoria, poderán participar as persoas físicas maiores de idade que presenten, de forma individual, textos teatrais inéditos escritos en galego conforme á normativa vixente, non representados nin premiados noutros concursos ou convocatorias anteriormente nin mentres dure este procedemento.

Os textos serán de tema e extensión libres, tendo en conta o principio de duración normal dun espectáculo completo para cada un dos premios. Non se poderán presentar textos de teatro de monicreques aos premios Álvaro Cunqueiro e Manuel María e, ademais, os gañadores da edición inmediatamente anterior non se poderán presentar ao mesmo premio (modalidade, no caso da Barriga Verde) en que resultaron galardoados.

Tampouco se poderá presentar o persoal da Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic). Existirá un único galardoado por premio e, no caso do premio Barriga Verde, un por modalidade. O Álvaro Cunqueiro está dotado con 8.000 euros; o Manuel María, 6.000 euros; a Barriga Verde (para mozas), 6.000 euros; e o de adultos, outros 6.000 euros. O prazo comezará ao día seguinte da publicación das bases no DOG e finalizará o 30 de abril de 2024.

Barriga Verde
Barriga Verde

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta