Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/01/2024 | Actualizada ás 14:35
A Xunta achegará axudas de ata 8.000 euros a aquelas persoas que queiran iniciar a súa actividade como autónomas. Están pensadas para persoas desempregadas, co fin de facer fronte aos gastos xerados no comezo e mantemento do negocio, segundo manifestou a conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo.
A convocatoria de axudas foi publicada este martes polo Diario Oficial de Galicia (DOG) e as solicitudes a partir do próximo 16 de xaneiro e ata o 30 de setembro. En Galicia, o 20% dos traballadores son autónomos e no caso concreto das mulleres, o 40%, unha taxa superior á estatal tal como explicou Rivo nunha reunión coa asociación Compostela Monumental este martes en Santiago.
A convocatoria conta cun orzamento global de 28,9 millóns de euros, que inclúe unha partida de 9,6 millóns para financiar ao 100% a cota reducida de "todos os novos autónomos" durante os 12 primeiros meses de actividade --contía de 960 euros--.
Doutra banda, destinaranse contías que poderán ser desde os 2.000 euros básicos para persoas desempregadas en xeral, ata 4.000 no caso de que se trate de menores de 30 anos, parados de longa duración, con discapacidade, dependencia, en exclusión social, emigrantes retornados e estranxeiros ou maiores de 52 anos. Así mesmo, segundo explicou a conselleira, haberá un incremento extra do 15% para as mulleres do rural ou para as persoas trans, entre outras situacións.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.