18F.- Novo candidato no PP por Lugo: José Manuel Mato deixará a Alcaldía de Paradela para concorrer como número 5

José Manuel Mato foi o alcalde "máis antigo" da provincia de Lugo, xa que tomou posesión do cargo en 1979, con 24 anos de idade, e ten no seu haber 12 maiorías absolutas ao longo das últimas catro décadas.

Por Europa Press / Redacción | LUGO | 11/01/2024 | Actualizada ás 14:40

Comparte esta noticia

O alcalde de Paradela, José Manuel Mato, concorrerá como número 5 na candidatura do PP pola provincia, para as eleccións autonómicas do próximo 18 de febreiro, e fará efectiva a súa renuncia nun pleno que se celebra este venres. Así o comunicaron fontes do PP provincial, que informaron de que será a tenente de alcalde Montserrat Mulet (que actualmente compaxina o seu cargo coa súa responsabilidade profesional como médica no centro de saúde local) a que asuma o bastón de mando municipal.

O partido subliñou a "traxectoria impecable" de Mato, que "leva toda a vida dedicado ao municipalismo" e o propio candidato trasladou o seu agradecemento ao PP pola confianza depositada nel para iniciar unha nova etapa, que considera "unha oportunidade para seguir traballando e defendo" ao municipio de Paradela e á provincia de Lugo desde o Parlamento de Galicia.

José Manuel Mato foi o alcalde "máis antigo" da provincia de Lugo, xa que tomou posesión do cargo en 1979, con 24 anos de idade, e ten no seu haber 12 maiorías absolutas ao longo das últimas catro décadas. O PP aínda non deu a coñecer de forma oficial a composición das súas listas de face aos comicios galegos. No caso da provincia de Lugo, todo apunta a que, ademais de José Manuel Mato, estarán na candidatura, entre outros, o conselleiro do Mar, Alfonso Villares, ou a presidenta provincial do partido, Elena Candia.

José Manuel Mato, que cesa como alcalde de Paradela para concorrer na candidatura do PP de Lugo ás eleccións autonómicas do 18 de febreiro de 2024, e Montserrat Mulet, que o substitúe á fronte da Alcaldía
José Manuel Mato, que cesa como alcalde de Paradela para concorrer na candidatura do PP de Lugo ás eleccións autonómicas do 18 de febreiro de 2024, e Montserrat Mulet, que o substitúe á fronte da Alcaldía | Fonte: PP DE LUGO

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta