Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/01/2024 | Actualizada ás 19:07
Os gandeiros galegos poderán solicitar a partir deste luns cita para o matadoiro móbil da Xunta a través do número de teléfono '982 251 201'. Este servizo está orientado ao sacrificio de gando ovino, cabrún e porcino naquelas explotacións gandeiras de pequeno tamaño de zonas afastadas de grandes núcleos de poboación e a distancia de matadoiros convencionais.
Así o explica a Consellería do Medio Rural a través dun comunicado no que apunta que unha vez se recollan as demandas dos gandeiros organizaranse rutas do matadoiro para optimizar o funcionamento de recurso. O camión que permite sacrificar animais busca facilitar a xestión e rendibilidade de explotacións pequenas para que poidan reducir custos de transporte do gando.
A Xunta sinala que o matadoiro estará plenamente operativo a partir do próximo venres 19 de xaneiro, unha vez completada a etapa de formación do persoal e de axustes técnicos. Estes días levan a cabo as primeiras probas en explotacións para a posta en marcha do servizo, que terá uns prezos que oscilarán entre os 10 euros para animais bovinos e caprinos de menos dun ano a 50 euros para porcos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.