Por Galicia Confidencial | Ames | 17/01/2024 | Actualizada ás 12:51
Youtubeiras, proxecto organizado polos servizos de Normalización Lingüística de nove concellos, das tres universidades galegas e da Deputación da Coruña, xa ten finalistas para os seus galardóns de 2023. Un total de 18 finalistas aspiran a gañar algunha das oito categorías nas que se divide o certame nesta edición: Canle, Youtubeira, Youtubeira Revelación, Vídeo, Calidade Lingüística, Pioneiro, Rede e Premio do Público. A proposta gañadora en cada categoría recibirá 1000 euros, agás no caso do galardón decidido polo público, cuxa dotación económica é de 500 euros. En total, os Premios Youtubeiras repartirán 7500 euros.
O xurado que escolleu a terna de finalistas en cada categoría e decidirá as persoas gañadoras que se anunciarán na gala do próximo 17 de febreiro está conformado por Fátima Souto Muñiz, bolseira no Servizo de Normalización de Ames; Nee Barros, escritore, divulgadore cultural e activista baixo o nome de @neeumatiko que recibiu en 2022 o premio de Youtubeira 2022; Irene Pin, xornalista e directora audiovisual; Belen Puime, directora e creadora audiovisual; Rodri Míguez, xornalista e divulgador musical, e Paula Souto, técnica de Normalización Lingüística de Moaña, que exerceu como secretaria con voz, pero sen voto.
As 18 propostas finalistas foron escollidas polo xurado de entre as 68 canles que se inscribiron para concorrer á edición de 2023 dos Premios Youtubeiras, cuxo lema desta edición é Rede aberta, Rede diversa! A esta cifra cómpre sumarlle os 24 vídeos propostos pola audiencia dixital para disputarse o Premio do Público. Os vídeos no seu conxunto, publicados entre novembro de 2022 e novembro de 2023 nas diferentes canles, superan os 32.480 novos minutos en galego subidos ao YouTube.
FINALISTAS
Seis finalistas aspiran a levar dous galardóns neste 2023: OU ké! (finalista en premio Canle e en premio Rede), Toxío (Canle e Vídeo), Recuncho Gamer (Youtubeira e Pioneiro), Fica coa bola (Pioneiro e Premio do Público), Prado Rúa (Calidade Lingüística e Vídeo) e Savia Nova (Revelación e Premio do Público)
O premio Canle disputarase entre os xa citados Toxío e OU ké! xunto a Cinema Caníbal, mentres que o premio Youtubeira estará entre Recuncho Gamer, Exército Mekemeke e Pingando. Ao galardón Revelación aspiran O Faiado Podcast, Savia Nova e Luis do Río Pena. Os finalistas na categoría de vídeo son Derrubando Xigantes, de Toxío; Londres, de Malva; e SEG, de Prado Rúa.
No trío de finalistas en Calidade Lingüística atópanse Prado Rúa, Olaxonmario e Casa Gallinitas e a terna no caso do galardón Pioneiro está formada por Recuncho Gamer, Lilium e Fica coa bola. Ao premio Rede optan OU ké!, Alma da Vella Chousa e YouTube en galego.
Por último, o Premio do Público decidirase entre as tres propostas máis votadas na comunidade dixital: Noticias Dispersas, Fica coa bola e Savia Nova.
Relación de finalistas por categorías.
1. Premio Canle
Cinema Caníbal
OU ké!
Toxío
2. Premio Youtubeira
Recuncho Gamer
Exército Mekemeke
Pingando
3. Premio Youtubeira Revelación
Luís do Río Pena
O Faiado podcast
Savia Nova
4. Premio Vídeo
Seminario de Estudos Galegos, o centenario, de Prado Rúa
Unha fin de semana en Londres, de Malva
Derrubando xigantes, de Toxío
5. Premio Calidade Lingüística
Prado Rúa
Olaxonmario
Casa Gallinitas
6. Premio Pioneiro
Recuncho Gamer
Lilium
Fica coa bola
7. Premio Rede
Alma da Vella Chousa
OU Ké!
Youtube en Galego
8. Premio do Público
Noticias dispersas
Fica coa bola
Savia Nova
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.