Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/01/2024 | Actualizada ás 12:57
A CIG gañou as eleccións sindicais en Galicia ao peche do proceso 2020-2023, de forma que continúa como a central con maior representación, cun total de 5.131 delegados, un 31% do total. Diso informou, este xoves en rolda de prensa en Santiago, o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, quen destaca que a CIG aumenta a súa representación en 589 delegados, un 1,59%, o que contrasta cunha caída do peso porcentual de UXT e CC.OO --aínda que subiron en número--.
En concreto, UXT alcanzou 4.248 delegados, un 25,7% do total, e CC.OO. conseguiu 4.142 delegados, un 25%, segundo os datos provisionais --a falta de que os oficialice a autoridade laboral-- ofrecidos pola CIG a peche de 2023.
A secretaria confederal de Organización, Susana Méndez, subliña que a CIG revalida como primeira forza por segundo período consecutivo ao conseguir ese posto xa no período 2016-19. Sinala que é o sindicato máis representativo en todas as comarcas salvo Lugo e Ourense, así como nas federacións de industria, construción, servizos, sanidade e ensino público.
A nivel global, os delegados elixidos neste proceso sindical foron 16.523 delegados en Galicia, o que supón 1.104 máis que o ano anterior. Por todo iso, Carril valora que estes datos confirman o modelo "combativo" e de "contrapoder" do modelo sindical que representa a CIG, unha central nacionalista de clase "asemblearia" e en contra da "explotación". Resalta que é a primeira forza sindical "a pesar de quen lle pese".
VULNERACIÓN DE DEREITOS DA CIG E SMI
Paralelamente, Paulo Carril criticou que se "vulneran" os dereitos de participación institucional da CIG ao ser un do catro máis representativos do Estado xunto a UXT, CC.OO. e LAB, xa que se nega a súa participación por parte dos ministerios de Traballo e Seguridade Social en negociacións como as do salario mínimo, as reformas laborais e de pensións ou o subsidio por desemprego, entre outras.
Sobre o SMI, denuncia que non se alcanza o 60% do salario medio, de forma que debería ser de 1.253 euros en 2024 e non dos 1.134 euros alcanzados. A CIG denunciou a España ante o Comité Europeo de Dereitos Sociais por incumprir esta recomendación da Carta Social.
Carril queixouse de que recibiron aviso da subida do SMI por parte do Goberno central dúas horas despois do seu anuncio, posto que se lle empraza a facer achegas ata o 23 de xaneiro. "Non se quere ter sindicatos que son molestos", lamenta.
ELECCIÓNS GALEGAS E RETOS
Ás portas das eleccións galegas, a CIG tamén quixo facer un chamamento á participación para "conseguir un cambio real" cun cambio de goberno, fronte ao "desmantelamento do país" a cargo do PP, "combinado coa mentira e formas de actuación profundamente antidemocráticas". "Un cambio de políticos para un cambio de políticas", resume.
No tocante a retos de futuro, refírese a reverter os "efectos nocivos" das reformas laborais e a continuar con loita mediante o uso da folga, único escenario que observa Carril para "arrincar dereitos á patronal". Avanza que o próximo 1 de febreiro a CIG celebrará unha "gran mobilización" en contra a precariedade laboral.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.