Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/01/2024 | Actualizada ás 16:32
O PPdeG comprométese a garantir unha cobertura total en Galicia de recursos de conciliación gratuítos á infancia de 0 a 3 anos, para que todos os concellos galegos conten cun servizo de atención aos máis pequenos. Así figura no programa electoral en proceso de elaboración co que o aspirante á reelección, Alfonso Rueda, concorrerá ás próximas eleccións autonómicas.
Diso informou o PPdeG nun comunicado, no que detalla que o coordinador do programa electoral do PPdeG, Valentín García, así como unha das compoñentes do equipo redactor, Carmen Pomar, e o vicesecretario de Familia, Alberto Pazos, reuníronse nas últimas semanas con diferentes colectivos sociais co fin de incorporar as súas achegas para facer o documento "o máis aberto, colaborativo e efectivo posible" para "mostrar diferentes perspectivas da realidade social".
Neste sentido, mantiveron contacto tanto con Unicef Comité Galicia como coa ONG Igaxes, que achegaron demandas referidas á infancia e á adolescencia galega e á mocidade en risco de exclusión.
No programa figura o compromiso dos populares galegos coas políticas públicas para a infancia en Galicia, co obxectivo de conseguir unha Comunidade na que sexa máis fácil fundar a familia que cada un queira, e que seguen o ronsel das medidas da Xunta como a gratuidade das escolas infantís, cásalas niño, a Tarxeta Benvida, o Bono Coidado e a ampliación do calendario de vacinación infantil.
Os populares galegos tamén reflicten no programa que elaboran o compromiso coas políticas públicas en beneficio da infancia, así como a necesidade de facer un seguimento rigoroso sobre o uso das novas tecnoloxías, o consumo de pornografía e a exclusión por razóns relacionadas coa diferenza.
POBOACIÓN XITANA
Por outra banda, os responsables do programa do PPdeG reuníronse nos últimos días con representantes do Secretariado Xitano e do colectivo musulmán en Galicia par escoitar as súas achegas e concretar demandas, algunhas delas nas que os populares traballan desde hai tempo pero que consideran que deben de ser actualizadas.
Neste sentido, o documento co que o PPdeG concorrerá ás eleccións incluirá unha estratexia de inclusión centrada na poboación xitana e demandas do colectivo en temas de vivenda, reforzo educativo, de loita contra o racismo e mellora de oportunidades para a muller xitana. Ademais, de incidir no reforzo do papel das institucións na incorporación plena e a igualdade de oportunidades para esta comunidade.
Os populares tamén incidirán no seu proxecto no respecto e tolerancia interreligiosa e intercultural incorporando, unha vez impulsadas as modificacións legais necesarias, o primeiro cemiterio musulmán de Galicia, que se completará neste ano, para que esta comunidade poida realizar enterros en Galicia de acordo cos ritos da súa relixión.
Ademais, incluirán medidas para avanzar na integración das crenzas relixiosas noutros ámbitos como as actividades culturais, a participación social ou a alimentación. Neste último aspecto, facilitarán medidas para habilitar o sacrificio de carne kosher e halal, previa autorización e cumprindo os requisitos legais esixidos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.