A Praia de Rodas, nas illas Cíes, unha das preferidas do mundo para os ingleses

Os portugueses tamén a teñen como a súa favorita e deixarían o segundo e o terceiro posto para a praia das Catedrais, en Ribadeo, e a praia de Carnota, respectivamente.

Por Galicia Confidencial | VIGO | 19/01/2024 | Actualizada ás 14:03

Comparte esta noticia

O prestixioso xornal británico 'The Guardian' fixo unha enquisa entre os seus lectores sobre cales eran para eles as mellores praias do mundo. Entre as elixidas atópase a Praia de Rodas, nas illas Cíes, da que destacan as súas "areas douradas" e que teñas "o océano diante e detrás de ti", cunhas "vistas panorámicas de ensoño". Tamén o feito de que ao tratarse dunha praia situada nas Illas Cíes, parque natural e espazo protexido, "non hai nin coches nin hoteis". O que si hai é un cámping que recomendan para pasar "unha experiencia verdadeiramente inesquecible". E, como actividade que non se pode deixar de facer, destacan a "camiñata ata o antigo faro".

Praia de Rodas, nas Illas Cíes
Praia de Rodas, nas Illas Cíes | Fonte: XUNTA - Arquivo

Pero máis aló dos ingleses, as nosas praias son visitadas cada ano por moitos turistas portugueses (especialmente do norte do país). Que opinan estes? Cales son as súas favoritas? Pois a axencia Viagens coincide con 'The Guardian' en que a Praia de Rodas é a máis espectacular de Galicia. En segundo lugar poñen á praia das Catedrais, en Ribadeo, xa que "cando a marea está baixa vense os arcos naturais formados polas pedras que lembran a unha catedral medieval". E o terceiro posto danllo á praia de Carnota, a máis grande de Galicia, cun total de 7 quilómetros de lonxitude, á que consideran "un paraíso natural con dunas e lagoas".

Os seguintes postos estarían ocupados polo Porto de Bares, en Mañón, o punto máis ao norte de España; a praia urbana de Riazor, na Coruña, da que destacan "a súa forma de cuncha modulada polo paseo marítimo da cidade", con 780 metros de areal; a praia de Gradín, na Illa de Arousa, "un lugar único para desligarse do mundo real e sentir a serenidade"; a praia de Patín, en Valdoviño, que aseguran que "é tan bonita que non parece de verdade", cun "paisaxe verde que nos transporta a Australia"; a praia de Lumeboo, en Ferrol, "un paraíso para os surfistas"; a praia de Chanteiro, en Ares, entre A Coruña e Ferrol, con "augas claras e tranquilas", pero tamén con rochas; e A Lanzada, no Grove, que conceden que "é un dos lugares máis populares de Galicia, cunha praia grande e espectacular".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta