Adega acusa á Xunta de "fusilar" o seu protocolo para combater os pélets e de "abandonar" ao voluntariado

Tamén denuncia que a Xunta cancela o Proxecto Ríos en "aparente castigo" á asociación por criticar a súa xestión.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/01/2024 | Actualizada ás 13:53

Comparte esta noticia

A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (Adega) acusa á Xunta de "abandonar" ao voluntariado galego nun momento de "crise ambiental" tras a vertedura de pélets que chega á costa galega e denuncia que Augas de Galicia trasladoulles que non renovará o convenio de colaboración relativo ao 'Proxecto Ríos'.

Nunha rolda de prensa celebrada este martes no Centro Internacional de Prensa de Galicia, en Santiago de Compostela, o presidente de Adega, Roi Cuba, sinalou que durante este mes "moita xente" acudiu á asociación para organizar as limpezas dos areais. Para iso, contactaron coa Xunta para solicitar información e tamén medios, así como unha reunión para requirir apoio institucional.

Segundo o relato do presidente de Adega, a semana pasada mantiveron unha reunión coa vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, para reclamar "información e medios". Esa mesma semana, o día 18, indicou que tiñan programada unha reunión coa directora xeral de Voluntariado e, posteriormente, notificóuselles a cancelación desa cita. Por iso, este martes denunciaron "a inacción" do departamento de Medio Ambiente do Goberno galego.

PROTOCOLO "FUSILADO"

Así mesmo, detallou que durante a primeira semana a asociación organizou xornadas formativas para coordinadores de voluntariado e elaboraron un protocolo que, denunciou, "a Xunta fusilou sen ningún tipo de contacto" con Adega.

"É inaudito que unha organización como Adega, con multitude de actividades e miles de colaboradores formados, o único que sirva para a Xunta é para copiarnos o protocolo e a idea de, teoricamente, formar aos coordinadores de grupos de voluntarios, que o venden, pero non o fan. Mesmo veñen como observadores para tomar nota nas nosas actividades de limpeza", asegurou o secretario xeral de Adega, Froilán Pallín, que tamén participou nesta rolda de prensa.

Doutra banda, Roi Cuba afirmou que o Goberno galego colleu a idea de "formadores de voluntariado" das organizacións ecoloxistas e "derivárona para unha empresa de mercadotecnia, que está a limpar a imaxe da Xunta e non as praias". "Son persoas sen experiencia, cando temos a colectivos sen ánimo de lucro con ampla experiencia e consideramos que se nos debería botar unha man e darnos medios", reivindicou.

O presidente de Adega, Roi Cuba, xunto aos membros da directiva da asociación ecoloxista, Paco Bañobre, Froilán Pallín e Belén Rodríguez
O presidente de Adega, Roi Cuba, xunto aos membros da directiva da asociación ecoloxista, Paco Bañobre, Froilán Pallín e Belén Rodríguez | Fonte: ADEGA

Mentres, o secretario xeral de Adega, Froilán Pallín, entende que as accións da Xunta "non son un castigo ou unha represalia" cara á asociación, senón "ao conxunto do voluntariado galego e á protección do medioambiente.

A RESPOSTA DA XUNTA: ACUSA A ADEGA DE "OPORTUNISMO"

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, da que depende Augas de Galicia, defende que nos orzamentos deste 2024 multiplicou por catro o orzamento para voluntariado ambiental e acusou a Adega de "oportunismo", despois de que a organización ecoloxista denunciase este martes que o departamento autonómico non lles renovará o convenio de colaboración relativo ao 'Proxecto Ríos'.

Tras estas críticas, a Xunta lamentou a "utilización demagóxica e oportunista" que, na súa opinión, a asociación ecoloxista "pretende facer agora deste tema, vinculándoo ao problema dos pélets". Nesta liña, asegurou que Adega coñecía os cambios deste programa desde setembro e así aparecen recollidos nos orzamentos da Xunta para 2024.

Para a Xunta, deste traballo de "sensibilización e educación ambiental" que, tal e como destacou, "vén realizando a través dunha colaboración concreta entre a Xunta e Adega", naceron novas entidades e asociacións ambientais "dispostas a colaborar neste tipo de iniciativas que, por tanto, tamén deben ter a oportunidade de ser apoiadas desde Augas de Galicia". Por esta razón, sostén que para garantir a concorrencia dos distintos colectivos interesados, tomouse a decisión de incrementar a achega dedicada á educación ambiental, "pasando de 50.000 euros anuais a 200.000 euros este 2024".

Isto, sinalou, xa se recolle nos orzamentos da Xunta para 2024 e tamén se lle comunicou á asociación ecoloxista Adega nunha reunión mantida o pasado 27 de setembro. Neste encontro, segundo a versión do departamento autonómico, os responsables de Augas de Galicia trasladáronlle á asociación "a oportunidade de pasar dunha axuda nominativa a unha convocatoria aberta, en réxime de concorrencia competitiva, a todas as entidades ambientais que traballan neste ámbito e que estivesen interesadas en optar a estas axudas".

A XUNTA RECOLLEU ESTE LUNS 20 QUILOS DE PÉLETS

O dispositivo despregado pola Xunta nas praias e no mar para a recollida de pélets perdidos polo mercante Toconao en augas portuguesas permitiu recoller este luns uns 20 quilos de pélets, o equivalente a preto dun saco deste material, así como 352 quilos doutros plásticos presentes na costa e que poden depositarse no colector amarelo. En total, ata o momento, o operativo da administración autonómica recuperou 3.544 quilos deste material, o que supón uns 142 sacos. Ademais, desde o 10 de xaneiro tamén se retiraron dos areais preto de 11.200 quilos doutros plásticos asimilables a residuos urbanos.

Segundo informou o Executivo galego, desde o inicio do dispositivo os efectivos da Xunta contabilizaron a recollida doutros 1.272 quilos de pélets froito do traballo de voluntarios, que entregaron a pé de praia as cantidades obtidas ao finalizar as súas xornadas de traballo, ou dos sacos recuperados enteiros ou case cheos polos concellos e que foron retirados nos últimos días para o seu traslado a un punto de almacenaxe.

'PROXECTO RÍOS'

Unido a estas denuncias ante "a xestión da crise dos pélets" por parte de Adega, Roi Cuba explicou que a semana pasada a directora de Augas de Galicia trasladoulles nunha reunión que a axuda nominativa que tiña Adega para o 'Proxecto Ríos' "quedaba concluída". "A Xunta comunícanos que a colaboración coa nosa institución vai ser nula", sostivo Roi Cuba.

Trátase dun proxecto de educación ambiental, que este ano chegaría ao seu vixésimo aniversario, e que cada ano desenvolve multitude de actividades educativas e divulgativas para unha comunidade de máis de 6.000 voluntarios, centros de educación e decenas de asociacións ambientalistas, culturais e veciñais de toda Galicia.

UDC

Por outra banda, a Universidade da Coruña (UDC) participa nun proxecto europeo que medirá os riscos en ecosistemas degradados. A iniciativa ZOE -- procedente das siglas en inglés Zoonoses Emergence across Degraded and Restored Forest Ecosystems-- estudará as zoonosis, definidas pola Organización Mundial da Saúde como aquelas enfermidades que se transmiten de forma natural dos animais vertebrados ao ser humano e viceversa.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta