Por Galicia Confidencial | Compostela | 25/01/2024 | Actualizada ás 15:32
O BNG fala de "chuvia de millóns" públicos e o PSdeG puxo xa unha cifra, 400 millóns, para as axudas da Xunta en periodo preelectoral. Por iso critican o uso partidista que o presidente da Xunta fai destes anuncios que consideran "indecentes". Anuncios que volveu facer Alfonso Rueda este xoves ao prometer 4,4 millóns en axudas aos mariscadores e 46 para reducir o desemprego en Galicia.
"Ao PSOE o que lle gustaría era que ninguén fixera nada ata o día das eleccións", respondeu Rueda ao ser preguntado polas críticas da oposición. "E eu non vou deixar de gobernar", dixo ao tempo que puxo en valor unha nova axuda ao sector marisqueiro. "Igual ao PSOE non lle gusta que se dean, pero cos orzamnetos aprobados dixemos que Galicia non se ía parar a pesar das eleccións", suliñou.
NOVAS AXUDAS
O presidente galego referíase aos 4,4 millóns dunha liña extraorinaria de axudas aprobadas no Consello da Xunta deste xoves para compensar a mariscadores tras a morte de bivalvos nos últimos meses, especialmente, en novembro. Estas axudas, de fondos propios, permitirán aos mariscadores, segundo Rueda, asumir custos básicos da actividade como o abono da cota da Seguridade Social.
Serán un total de 550 euros por persoa que beneficiarán a uns 7.061 profesionais, 3.087 do marisqueo a pé e outros 3.947 desde embarcación que contan con permisos de explotación (permex) en vigor. O cálculo da axuda faise con base no pago de 254,49 euros que pagan de media as mariscadoras a pé e os tripulantes polas súas cotizacións ao sistema, que en dous meses ascenden a 508,78 euros.
Por outra banda, Rueda tamén anunciou que se destinarán 46 millóns para formar a máis de 2.000 desempregados, principalmente, no sector forestal, en áreas relacionadas co Camiño de Santiago e no sector das TIC's.
ANUNCIO SÁNCHEZ
Curiosamente, o presidente galego si criticou o anuncio feito polo presidente español este mércores en Ferrol da construción dun novo buque da Armada nos astaleiros da cidade que darán traballo a máis de 1.800 persoas. "A tres semanas dunhas eleccións plántase en Galicia e di que hai que facerse isto. Esa é a consistencia dunha proposta que se fai a tres semanas dunhas eleccións", contestou. "Pero se se fai realidade eu o celebro. Aínda que suspicacias, teño moitas", engadiu.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.