Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/01/2024 | Actualizada ás 11:19
O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, cre que a proposta do PP de que as comunidades autónomas que goberna impulsen de cara ao 2025 unha selectividade uniforme "vai obrigar ao Estado a reaccionar" en lugar de "xerar máis caos" e "desigualdades".
Nunha entrevista concedida este venres á Radio Galega, recollida por Europa Press, Rodríguez explicou que esta iniciativa dunha única Avaliación de Bacharelato para o Acceso á Universidade (ABAU) tería en conta que cada autonomía ten "as súas particularidades", por exemplo Galicia coa súa lingua propia.
No entanto, o conselleiro lembrou que "o 50 por cento" do currículo é "uniforme para o conxunto de España", polo que é nesa parte común na que se poden pór de acordo. "Estamos a avanzar en moitas cousas: nas datas, nos criterios de avaliación, nas ponderacións... Temos competencias compartidas co Estado e creo que as comunidades autónomas, se somos responsables, estaremos interesadas en que non haxa agravios", proseguiu.
O titular de Educación da Xunta cre que esta proposta que anunciaba esta semana o presidente do PP, Alberto Núñez Feijóo, "vai na boa liña" de ter "unha porta de entrada única" ao sistema universitario. De feito, era unha idea que o Goberno galego leva xa anos reclamando.
Neste contexto, Román Rodríguez lamentou que o Executivo central vaia "na liña contraria" --as ministras de Educación e Universidades, Pilar Alegría e Diana Morant, descártana por "inviable"-- e xeran "máis desigualdades" nun "Estado democrático como é España".
CAMBIOS ABAU
Por outra banda, o Boletín Oficial do Estado (BOE) publicou este venres a orde que regula, con carácter xeral para toda España, a Avaliación do Bacharelato para o Acceso á Universidade (ABAU) e que permite facer o exame de Historia de España ou de Historia da Filosofía para subir nota.
No entanto, fontes da Comisión Interuniversitaria de Galicia (CiUG) ratifican a Europa Press que en Galicia non haberá cambios a este respecto. De tal modo, os alumnos poderán optar por facer os dous exames porque Historia de España ou Historia da Filosofía si podería ponderar para entrar nun grao nalgunha outra autonomía, pero non en Galicia.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.