Declarada nula a sanción imposta a unha reporteira da TVG por insultar a un superior

O xulgado di que a CRTVG “non indica con base en que concreto apartado do art. 91 (do Convenio Colectivo da CRTVG) exercita a potestade sancionadora”.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 26/01/2024 | Actualizada ás 18:42

Comparte esta noticia

"Estimando integramente a demanda interposta pola traballadora contra a CRTVG , declaro a nulidade e, en consecuencia, revogo integramente a sanción imposta pola entidade demandada á traballadora demandante (amoestación escrita) por boletín sancionador de data 28 de outubro de 2022; e, en consecuencia, condeno á entidade demandada a estar e pasar pola devandita declaración con todos os efectos legais inherentes á mesma”. Esta é a resolución ditada polo Xulgado nº1 de Compostela a favor dunha traballadora do ente público que recurriu unha sanción imposta pola dirección.

A reporteira gráfica da TVG María Novoa
A reporteira gráfica da TVG María Novoa | Fonte: DefendeaGalega - X

É unha nova sentenza en contra da CRTVG que a propia traballadora, a reporteira gráfica María Novoa celebraba en redes sociais. "Malia ao acoso e as dificultades que sufrín, o abandono nunca foi unha opción. Imposible sen todas vós. Grazas compañeiras !!!", escribía na súa rede social Twitter (X) tras coñecer a resolución.

Hai que remontarse a decembro de 2022. María Novoa presentou unha demanda tras unha sanción imposta pola dirección do ente público por “insultar de forma grave” na redacción a un produtor encargado da asignación de previsións de informativos. Segundo se recolle na sentenza, a reporteira gráfica negouse a acompañar ao redactor asignado polo seu superior dicindo "se era tonto, se non entendera o que lle dixera o día anterior, que era un fillo de puta, un cabrón, un imbécil, que pertences ao sindicato aos que tes de amiguiños".

Ante esta actuación, a dirección da CRTVG informoulle que “por tal motivo véxome na obriga de advertirlle de que ese tipo de comportamentos provoca situacións non desexadas no ámbito laboral e perturba o normal funcionamento do servizo. En consecuencia, impóñolle a sanción de amoestación e requíroa para que no futuro basee a súa conduta no respecto aos seus superiores e compañeiros”.

A traballadora presentou unha demanda civil contra esa decisión e, agora, a xustiza dálle a razón alegando un defecto de forma. O Xulgado indica que a CRTVG “non indica con base en que concreto apartado do art. 91 [do Convenio Colectivo da CRTVG] exercita a potestade sancionadora”. Tampouco detalla, di, "a tipificación concreta que está a aplicar, o que resulta requisito formal necesario para valorar se os feitos que se lle imputan á traballadora teñen ou non encaixe no concreto tipo invocado pola empresa, e, a posteriori, para poder valorar a adecuación da sanción imposta en relación co tipo aplicado”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta