Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/01/2024 | Actualizada ás 18:39
CIG e CSIF esixen ao Servizo Galego de Saúde (Sergas) que os auxiliares administrativos poidan cobrar como festivo ou día "de especial significación" as quendas que fagan este sábado, 3 de febreiro, no que se celebrarán as oposicións en Silleda.
Por unha banda, a CIG solicitará este martes, na reunión da mesa sectorial, que se pague este día de forma extraordinaria "igual que ao resto de categorías", sen "diferenciación".
Por outra banda, CSIF --segundo sindicato máis representativo no Sergas despois da CIG-- enviou á Administración un escrito para solicitar o cobro do sábado como día de especial significación, "igual que noutros postos".
Esta organización explica que os profesionais que van traballar o día da OPE farano "en atención continuada en quendas rotatorios complexos". "O que está a facer o Sergas con estes traballadores é un auténtico agravio comparativo respecto doutros grupos", insiste.
AVALIACIÓN DE RISCOS
Por outra banda, un grupo de médicos de Atención Primaria de Vigo promove unha recollida de firmas para solicitar ao Sergas que realice "unha avaliación individualizada" dos riscos laborais en cada posto, en cada categoría e coa carga de traballo de cada un.
Esta petición chega despois da avaliación de riscos psicosociais realizada o ano pasado con máis de 32.000 entrevistas a empregados do Sergas e cuxas conclusións foron avanzadas, aínda que "non publicadas de modo oficial", o pasado mes de decembro.
Neste contexto, o escrito que circula desde finais de ano por profesionais de Primaria de Vigo solicita non só que se faga público este informe de riscos laborais coas súas conclusións, senón tamén que se implementen "de maneira urxente" as medidas que o estudo considera necesarias.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.