Miranda denuncia en Europa o "xenocidio" do pobo palestino: "Están a sufrir unha catástrofe que inclúe fame e enfermidades"

A eurodeputada do BNG tamén denunciou a suspensión de axudas á Axencia de Nacións Unidas para os Refuxiados de Palestina en Oriente Próximo (Unrwa).

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/01/2024 | Actualizada ás 17:28

Comparte esta noticia

A eurodeputada do BNG Ana Miranda denunciou este martes ante o Parlamento Europeo o que tachou de "xenocidio do pobo palestino" e a suspensión de axudas á Axencia de Nacións Unidas para os Refuxiados de Palestina en Oriente Próximo (Unrwa). Miranda participou nunha rolda de prensa no Parlamento xunto ao xornalista palestino Omar Karem, que leva un mes en folga de fame, eurodeputadas de Verdes-ALE e The Left.

A eurodeputada nacionalista detallou as cifras que "dan conta do sufrimento do pobo palestino": "26.000 persoas asasinadas, máis de 63.740 feridos, máis de 360.000 vivendas destruídas ou danadas, ademais doutras infraestruturas civís atacadas, e aproximadamente 1,9 millóns de persoas desprazadas pola forza". "Están a sufrir unha catástrofe humanista, que inclúe fame e propagación de enfermidades", sinalou a nacionalista.

A isto sumar, apuntou, a suspensión temporal do financiamento por parte de varios Estados contra a Unrwa en resposta ás acusacións de Israel, o que para Miranda supón "outro castigo" que "podería afectar á asistencia dos habitantes de Gaza para acceder a servizos esenciais de saúde, auga e alimentos".

"Israel leva anos tentando desacreditar e desmantelar a Unrwa. O seu principal obxectivo é negar a cuestión dos refuxiados palestinos e os dereitos inalienables dos refuxiados, incluído o seu dereito a regresar", insistiu. Por iso, defendeu que a comunidade internacional "non pode actuar unilateralmente e sen unha investigación dos feitos". "Rexeitamos calquera acción sen unha investigación apropiada que socave os dereitos e as vidas dos refuxiados palestinos", aseverou.

Ademais, referiuse a a Orde da Corte Internacional de Xustiza que responde á solicitude de Sudáfrica, que emite medidas provisionais de conformidade coas obrigacións de Israel en virtude da Convención para a Prevención e a Sanción do Delito de Xenocidio de 1948, que esixe que Israel "tome todas as medidas que estean ao seu alcance". "Israel debe garantir que o seu exército non comete ningún acto xenocida en Gaza", insistiu.

A eurodeputada do BNG Ana Miranda nunha rolda de prensa no Parlamento Europeo
A eurodeputada do BNG Ana Miranda nunha rolda de prensa no Parlamento Europeo | Fonte: BNG

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta