Por Galicia Confidencial | Compostela | 31/01/2024 | Actualizada ás 10:49
Defender a quen defende: ese é o obxectivo de Galicia Abriga, o primeiro Programa Galego de Acollida Temporal a mulleres defensoras de Dereitos Humanos que bota a andar este mes de xaneiro para que mulleres de organizacións e movementos sociais de países nos que ten presenza a Cooperación Galega poidan saír temporalmente do contexto de risco físico e psicolóxico no que se atopan, debido ao seu labor como defensoras de dereitos humanos.
O programa -cuxas responsables son as organizacións Solidariedade Internacional, Ecos do Sur e Agareso- nace como unha iniciativa do sector galego de cooperación internacional, impulsado pola Coordinadora Galega de ONGD, que identificou a necesidade de ofrecer unha alternativa de protección temporal a mulleres que polo seu papel de activismo social e político están sendo ameazadas e acosadas nos seus países.
As entidades que estean interesadas poderán acceder a partir de febreiro á convocatoria pública de acollemento temporal na web galiciaabriga.org. A proposta de candidatas deberá vir avalada por unha entidade no país de orixe e por unha entidade galega, para así garantir un proceso de estadía e retorno seguros.
“Este é un proxecto para fortalecer a sociedade civil dos países de orixe, dándolle un respiro ás activistas, ofrecéndolles o noso abrigo e seguridade en Galicia durante un tempo, onde se recuperarán psicolóxicamente e terán oportunidade de descansar para despois voltar aos seus países con forzas renovadas”, comenta María Paz, presidenta da Coordinadora Galega de ONGD e directora de Solidariedade Internacional de Galicia.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.