18F.-Pontón ve "unha falta de respecto" a presenza de líderes estatais: "Quizais noutra parte non se atreverían"

A líder do BNG reivindica o "protagonismo" que ten que ter Galicia nestas eleccións e rexeita convertelas nun "premio de consolación".

Por Europa Press / Redacción | LUGO | 02/02/2024 | Actualizada ás 13:57

Comparte esta noticia

A candidata do BNG á Presidencia da Xunta, Ana Pontón, reivindicou o "protagonismo" que ten que ter Galicia na carreira cara ás urnas do próximo 18 de febreiro e, neste sentido, rexeitou calquera pretensión de convertelas "nunha especie de premio de consolación, de reválida". "Paréceme tamén unha falta de respecto; quizais noutras partes do Estado non se atreverían a facer iso", manifestou.

Quen o faga, dixo, "vai errar e será penalizado". "Se os galegos non son protagonistas desta campaña, cando imos ser protagonistas?", preguntouse salientando, a preguntas dos medios no primeiro día de campaña electoral que arrincou na súa casa natal, en Chorente-Sarria (Lugo), e coincidindo coa primeira parada do ex presidente da Xunta e líder do PP, Alberto Núñez Feijóo antes do 'desembarco' de líderes estatais deste fin de semana.

"Algúns ven o mundo desde Madrid e o escenario das súas batallitas, pero Galicia non ten que ser o escenario de batallitas. Esta vai ser unha campaña que temos que centrar na vida dos galegos e en como darlles oportunidades e en como conseguir un país mellor". "E a partir de aí a cidadanía decidirá o que lle parece máis oportuno", sentenciou.

Chorente, Sarria, Lugo. A candidata do BNG á Presidencia da Xunta de Galicia, Ana Pontón, comeza a campaña electoral na súa casa familiar e natal da aldea de Chorente, en Sarria, Lugo.. CARLOS CASTRO/EUROPA PRESS / Europa Press
Chorente, Sarria, Lugo. A candidata do BNG á Presidencia da Xunta de Galicia, Ana Pontón, comeza a campaña electoral na súa casa familiar e natal da aldea de Chorente, en Sarria, Lugo.. CARLOS CASTRO/EUROPA PRESS / Europa Press

PONTÓN VOLVE Á SÚA CASA

Ana Pontón volveu este primeiro día de campaña para o 18 de febreiro á súa casa natal de Chorente, en Sarria, para recoller a "aprendizaxe" que cultivou na cociña familiar. Acompañada da súa nai Aurita, quen non dubidou en proclamar que a súa filla "valía para todo", e do seu pai Luís, ambos moi emocionados; Ana Pontón defendeu o "orgullo" das súas orixes e a importancia de "non porse límites" e que Galicia "ten capacidade para facer grandes cousas".

É a segunda ocasión na que Pontón decide arrincar a carreira electoral na súa casa familiar. Fíxoo en 2020 por primeira vez na que era a súa segunda vez como cabeza de lista das autonómicas e, entón, supúxolle pasar de cuarta a segunda forza política, subindo de 6 a 19 escanos, o teito do BNG en escanos.

Pontón quíxose defender de novo o "orgullo de ser do rural e os valores da humildade e o esforzo" e proclamou que hai "ganas de cambio" e "esperanza", o que a convertería na "primeira presidenta" de Galicia tras seis homes á fronte da Xunta. "Con mans libres e limpas", apostilou, noutro momento da charla cos medios de comunicación a súa nai Aurita, quen levou "anotado" o que quería dicir de Ana Belén Pontón Mondelo, Ana Pontón na política, Belén en casa.

"Cando tiña 18 anos se me imaxinaba que podería ser candidata á Presidencia da Xunta, diría que non", relatou Pontón, ante a emoción e bágoas nos ollos do seu pai, quen con iso fixo crebar tamén a voz da líder nacionalista. "Se mo preguntades hoxe, pois vos diría que este país necesita unha presidenta, que son as eleccións en que podemos conseguilo", salientou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta