Manuel 'Pachi' Vázquez: “A este país fáltalle un cuarto piar de centro e galeguista, como Coalición Canaria ou o PNV"

Manuel 'Pachi' Vázquez (O Carballiño) foi durante anos un referente dentro do PSdeG onde ocupou o cargo de secretario xeral logo das eleccións de 2009 que provocaron a dimisión de Emilio Pérez Touriño. Alcalde do Carballiño, deputado autonómico e conselleiro co PSdeG-PSOE, abandonou a formación en 2013. Non quixo renunciar á política e agora volve con Espazo Común Galeguista para presentarse nas eleccións autonómicas. Non morde a lingua sobre algúns aspectos do seu antigo partido e sobre outras formacións. Cre na posibilidade de entrar no Parlamento e nun partido de centro esquerda para Galicia.

Por Moncho Mariño | Santiago | 10/02/2024 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

-Cales foron as principais dinámicas que cohesionaron as forzas políticas que conforman Espazo Común Galeguista?

O fundador de Espazo Común, Pachi Vázquez
O fundador de Espazo Común, Pachi Vázquez | Fonte: Europa Press

Nós non vimos de hoxe, chegamos de traballar na política desde hai tempo. A maioría vimos articulando este proxecto desde as municipais, é dicir, hai xa uns anos. É certo que nas últimas eleccións locais como Espazo Común, Galicia Sempre, Unidade Local ou Compromiso por Galicia fómonos presentando en diversos grupos, así tivemos uns corenta concelleiros por toda Galicia. Cando estabamos xa cerca das autonómicas comezamos a dialogar uns con outros e chegamos á conclusión de que é bo ter representación do centro galeguista nos concellos mais tamén sería mellor estarmos presentes no Parlamento galego. Comezamos a xuntarnos e durante os quince ou dez últimos anos cinco formacións galeguistas das catro provincias fomos achegándonos para formar unha das tres coalicións que se presentan a estas eleccións autonómicas: Sumar, Podemos e Espazo Común Galeguista (ECG). Curiosamente os medios de comunicación máis grandes danlle unha relevancia a Sumar e Podemos que non lle dan a ECG e iso é completamente inxusto.

-Cal cre que será o motivo detrás desa actitude mediática?
O sistema non quere cambios porque para eles está moi ben. Galicia ten tres piares políticos máis ou menos sólidos: PP, BNG e PSdeG-PSOE. Mais a este país fáltalle un cuarto piar de centro e galeguista, unha formación como pode ser Coalición Canaria, como pode ser o PNV, como houbo no seu momento un Partido Nacionalista Galego, un Partido Galeguista ou unha Coalición Galega. Ese espazo non o regalan, hai que traballalo e nós estámolo facendo desde os concellos. Nós confiamos na futura existencia dun centro galeguista que sexa fundamental nos gobernos do país.

-Non obstante, e sendo vostede da provincia de Ourense, recordará aqueles partidos como o de Victorino Núñez que acabaron absorbidos polo PPdeG. Non temen ser absorbidos ou varridos polo PP?
Varrernos sería posible, porque cantos millóns costa a campaña do PP, a do PSOE e a do BNG? Insisto, millóns de euros e nós temos campañas a custe cero. Traballamos a través de redes sociais, no día a día mais unha cousa é que non che dean a razón e outra que non a teñas. Estamos convencidos da existencia dun espazo político porque o hai en todas partes. Chegará máis cedo ou máis tarde? Non se sabe, as cousas tamén tardar en  madurar. O noso eslogan para esta campaña é “Sementando”, porque se trata de sementar pois sabemos que no seu momento chegará unha proposta política que agora mesmo estamos sementando. Sobre o acontecido con pequenos partidos en Galicia, pois iso foi unha das grandes habilidades de Fraga, absorbelos, fagocitar o centro galeguista, daquela moi incipiente mais nós seguimos aquí. En Galicia hai cerca de 400 concelleiros de formacións independentes e de centro esparexidos por todo o país. Que faltou? Vertebrar, unir ou cohesionar esas formacións e niso estamos nós. O que suceda o 18F preocúpanos moito, mais temos maior preocupación polo que ocorra o 19 de febreiro, e iso é un camiño longo que debemos ir facendo sen desazo e con luces longas.

Os medios de comunicación máis grandes danlle unha relevancia a Sumar e Podemos que non lle dan a ECG e iso é completamente inxusto

ECG na manifestación pola sanidade pública
ECG na manifestación pola sanidade pública

-Deberon limar, eliminar elementos de cada partido para formar o ECG?
Francamente non, foi algo espontáneo. Había desexos de facelo. Creo que todas as formacións pequenas caemos na conta durante estes cinco anos que indo por separado non chegaremos a ningunha parte, mais indo xuntos dá traballo e será cuestión de tempo. Por iso digo que en política todo o mundo vén escarmentado, non hai que ser cabeza de rato, hai que traballar polo futuro e por tanto Unidade Local, Compromiso por Galicia, Galicia Sempre e membros do Partido Galego acabamos nun proxecto común. Non só nos incorporamos a este proxecto senón que o facemos con vocación de continuidade.

-Vocación de continuidade e entrar no Parlamento, mais que outras expectativas teñen?
A principal expectativa é implantar unha nova visión da política que lle dea a Galicia voz propia e unha axenda propia. Non queremos facer isto desde posicións rupturistas, nós cremos que pode haber un modelo de indepencia sen ser independentista. Temos moi claro que a maioría de galegos e galegas son xente politicamente centrada, por iso non vemos por aquí a Vox nin formacións radicais pola esquerda. É certo que Fraga no seu momento tivo un acerto en crear un sentimento galeguista no centro dereita. Dito isto, cremos na existencia dun espazo no centro esquerda galeguista que non se ve reflectido nin no BNG, quen ten moita xente que o apoio. Sobre o PSOE pódese dicir calquera cousa menos galego, o PSOE ten unha administración territorial en Madrid. Por iso digo, máis cedo que tarde a xente apostará por un centro esquerda galeguista que equilibre a política galega.

A este país fáltalle un cuarto piar de centro e galeguista

-Cales son os postulados do centro esquerda?
Para min é un modelo socialdemócrata, galeguista e europeísta, iso é para min o centro esquerda. Por moito que o repita Pedro Sánchez, el xa non é un socialdemócrata. Pedro Sánchez virou nun sentido distinto fancendo que o PSOE, que sempre andou entre 160 e 180 deputados, agora está pelexando por 80 e 100. Radicalizou o partido e agora non ocupa o espazo de centro esquerda, está indo cara outro extremo e deixando un grande espazo político en toda España e por tanto, en Galicia. Por tanto, insisto: socialdemocracia, europeísmo, galeguismo e se me apuras, constitucionalismo. Iso non significa que as constitucións non son os Dez Mandamentos, non son intocables, pódense variar, mais facéndoo cun acordo maiorítario e non impoñendo un modelo de cambio que vai buscar o oportunismo político en cada un dos momentos.

-E as grandes diferenzas cos partidos representados no Parlamento cales son?
Podo resumir a resposta nun punto: a non dependencia doutros intereses. Se o PP volve ao Goberno do Estado, Galicia quedará illada, iso verase no tema agrícola. O PP intentará resolver os problemas das grandes produtoras agrarias e o PSOE fará o mesmo. Que nos vén dicir o PSOE sobre as grandes infraestruturas se ir de Lugo a Ourense reventas as rodas? Grandes infraestruturas? Primeiro arranxa o que debes arranxar, como as nacionais entre Ourense e Pontevedra. Por que non o fan? Porque os grandes partidos políticos veñen de fin de semana e de vacacións e para o luns 19 xa non recordarán este país. Por que? Porque os votos de Galicia non fan falta no Congreso dos Deputados, porque o BNG, que só ten un deputado, só pode pactar co PSOE. Ninguén toma en serio a Galicia, ao PNV si lle fan caso porque pode pactar pola dereita e pola esquerda. A nosa aspiración é que haxa un partido que esixa cousas realmente para Galicia.

Nós confiamos na futura existencia dun centro galeguista que sexa fundamental nos gobernos do país

-No caso de que ECG pactaría co PP ou as dúas forzas políticas son completamente antagónicas?
Nós temos unha distancia grande co PP e tamén temos unha distancia grande co BNG, non estariamos de acordo con políticas que fan Junts, ERC ou Bildu que son os socios preferentes do BNG. Tampouco creo que sexamos refractarios aos pactos entre PP e Vox. Precisamente por iso falamos de centralidade. Imaxinemos o caso hipotético de que nós tivesemos un deputado “chave”, algo que se pode dar aínda sendo moi estrano, pois nesa circunstancia nin apoiariamos ao PP nin ao BNG, votariámonos a nós mesmos e deberían decidir eles mesmos quen quererían que gobernase e cal sería o modelo de goberno. Agora mesmos diriamos que nin queremos ao PP nin ao BNG, mais entendemos a necesaria convivencia e buscar fórmulas. Logo outra cousa, nós coñecemos ben a política galega, coñecemos ben o país, fundamentalmente a Galicia interior mais tamén a Galicia da costa e buscariamos en todo momento un modelo de goberno que, máis alá de soflamas e vender motos fora ao que debe ir.

-As sondaxes, segundo o CIS o PP perde a maioría absoluta, outras sondaxes danlle a maioría absoluta mais baixando. Como valora este ir e vir de cifras despois de ser parlamentario e se, efectivamente, ve factible a caída de Rueda.
Vouche ler unha enquisa do CIS, o PP entre 40 e 42, PSdeG entre 16 e 18, BNG entre 12 e 14 e Podemos entre 4 e 6. isto dicíao o CIS hai catro anos. O problema das enquisas é que despois das eleccións vemos que non acertaron e outro problema con elas é que en catro anos volvemos facerlles caso. Non lles fago moito caso. Que acontece nestes momentos? A calquera votante do BNG dirá que votará ao BNG, se preguntas a votantes do PP, moitos deles non dirán que votan a ese partido. Para as eleccións do 23J o BNG ía ter catro, logo tres e acabou tendo o mismo que ten. A conclusiòn: o BNG gana nas enquisas e perde eleccións. Isto pode cambiar? Pode cambiar. O PP ten un voto oculto, un voto oculto que sempre estará aí e a división pola esquerda vaille restar posibilidades. O PSOE desde que comezou a campaña é unha máquina de perder votos. Nalgunhas provincias, como é Ourense, reduce ao 12% cando estivo no 27 ou 28%. Quedo cunha tendencia, o BNG tira para arriba e o PSOE tira para abaixo. Isto confirma o modelo clásico da política galega: BNG e PSdeG son vasos comunicantes. O PP sempre dicían 38 ou 39 e logo acababa on 40 ou 42 mais agora a dereita está moi movida polo tema da amnistía, a xente que vota á dereita faino máis contra o PSOE que a favor do PP. Por tanto, vexo posible unha maioría do PP mais os datos van moi xustos. Isto por que é? Pois como son catro circunscripcións e se o PP peder un punto e medio e cada unha, non perde un deputado, perde catro. Estatisticamente quen ten máis oportunidades é a dereita.

-Sanidade, medio rural, estatuto de autonomía e competencias, catro grandes puntos a tratar. Como os abordaría ECG?
Nós, nunha reforma estatutaria e como comunidade histórica que somos, debemos ter o 100% das competencias que teñen as outras dúas comunidades históricas. Non pode ser: Catalunya e Euskadi todo e nós nada. Todo isto enlaza coa nosa proposta: Galicia non pinta nada na política nacional e só dan transferencias cando entran na aritmética parlamentaria. Os deputados do PSdeG e os do PPdeG en Madrid non pintan nada. A reforma estatutaria ten un obxectivo único, equiparar as comunidades históricas e que Galicia teña o número máximo de competencias. Sobre o medio rural, eu vivo nunha aldea de seis veciños e estou canso que nos veñan arranxar a Galicia interior quen nunca estivo dentro. Plan de choque demográfico? A Galicia interior e o medio rural non son cuestións tan difíciles de arranxar, mais debe haber vontade política. Iso chámase discriminación positiva. Se o solo industrial vale o mesmo en Trives que en Vigo, a xente escollerá a cidade olívica e o mesmo sucederá se as cotizacións son iguais nun lugar que noutro e tamén se as cotizacións de autónomos son iguais nunha aldea de Ourense que na Coruña, os autónomos irán para A Coruña. Por tanto, se queren axudar ao medio rural faise cun choque demográfico e iso faise cunha empresa colocada na Galicia abandonada teña chan industrial a custe cero, nada novo que non estean facendo Valença, Melgazo e outros lugares. Segundo, as bonificacións fiscais durante os vindeiros dez anos sexan do 50%, o mesmo que os autónomos, planos de conciliación e axudas para a vivenda social. Todo iso custa menos que levarlle auga a Barcelona e crearlles desalinizadoras agora cando non chove. Onde está o problema? Barcelona e Catalunya contan, Comunitat Valenciana conta e Galicia non conta. Sanidade, todo canto están prometendo nese sector é un conto. O primeiro que debera facer un goberno en Galicia é sentar aos reitores das universidades para multiplicar por tres ou por catro o número de estudantes de enfermería, medicina e ciencias da saúde. Cando se poña en marcha o relevo de profesionais sanitarios, aos que xa están darlles estabilidade e non contratos dun día ou dous e unha vez lles deas estabilidade, dálles unha retrobución acorde coa súa función para que non marchen a Portugal, Irlanda ou Suecia. En atención primaria non hai pediatras, pois debería haber unha especialidade en pediatría para a atención primaria cunha formación de tres anos. Sabemos o que fai falta, mais necesitamos que a xente confíe en nós.

 O problema das enquisas é que despois das eleccións vemos que non acertaron e outro problema con elas é que en catro anos volvemos facerlles caso

-Mantén algún tipo de contacto cos outros candidatos?
Coñézoos a todos, mais non é agora o momento. A Ana Pontón coñézoa despois de doce anos convivindo no Parlamento, con Besteiro, que podo dicir? E con Rueda tamén botei doce anos dándonos ferro un ao outro. Todos somos coñecidos mais neste momento eles xogan noutra liga distinta á nosa.

-Con Besteiro mantén unha relación máis fluída?
Non, mais si tiven relación con el cando eu era secretario xeral e el presidente da Deputación de Lugo. Levabamos moitos anos sen vernos até que nos vimos no debate sobre o estado a Autonomía, saudámonos aínda así non teño máis contacto con el.

-Democracia Ourensana é un partido con certa forza na provincia e sobre todo na capital. ECG busca arrebatarlle votos a DO?
O que sucede en Ourense é que ten 300.000 habitantes na provincia e no ámbito urbano da capital e concellos de arredor viven 130.000 persoas. Jácome ten unha implantación en Ourense espectacular, ten dez concelleiros, BNG ten catro, PSOE seis e PP ten sete. É unha realidade, unha realidade que pode ser controvertida e ás veces di cousas horrorosas e aínda así, ten crédito social na comarca e que el intenta ampliar. Como el é unha persoa que vai por libre en política terá votos de persoas que fan política sen gustarlles a política. Eu falo con el, teño boa relación persoal, comparto moi poucas cousas con el mais é un fenómeno político coa súa implantación.

-Vense os dous partidos como “chave” no Parlamento para formar goberno na Xunta?
Falaron de irmos xuntos mais non, temos dúas visións distintan. Posiblemente a curto prazo se sentaramos xuntos DO e ECG, numericamente poderían ter saído as contas, mais ideoloxicamente non saían as contas.

-Unha vez caída a “dinastía” Baltar, cre que ECG pode recoller votos de persoas descontentas coa liña actual do PP na provincia?
O baltarismo está desaparecendo a marchas forzadas mais segue habendo pequenos redutos de baltarismo. Eu creo que en catro ou oito anos vanse producir movementos políticos de diversa tendencia. No Carballiño a nosa formación está empatada a concelleiros con PP e PSOE. En Celanova goberna un independente, en Xinzo goberna un independente, en Verín goberna o PSOE e o mesmo pasa no Barco. Ao PP o único buque insignia que lle queda é a Deputación, nin goberna a capital provincial nin as grandes vilas. Ten hexemonía en votos mais institucionalmente todo está no aire. Esta situación pode ir afianzándose no tempo e se o PP perde a Deputación isto sería un castelo de naipes.


-Segue convencido de ser un socialdemócrata?
Nunca tiven a máis mínima dúbida. Se agora o PSOE considera que Alfonso Guerra non é socialista nin Felipe González nin Nicolás Redondo nin Page son socialistas, xa podemos crer calquera cousa. A min o que diga esa xente tanto me ten, síntome profundamente socialdemócrata, profundamente galeguista e neste país hai moita xente que ten ese mesmo modelo de vida.

-Desde esa posición, como ve Pachi Vázquez á esquerda en Galicia?
A esquerda galega sempre foi unha esquerda moi estraña. É moi difícil de entender que un partido de esquerdas sexa nacionalista e independentista. Un partido nacionalista é máis ben un partido conservador. Nacionalismo de esquerdas? A esquerda non é nacionalista é internacionalista, é solidade e plural, por tanto a esquerda galega é moi estraña. Do PSdeG dicíase que era unha sucursal de Ferraz, agora é un caixeiro de Ferraza, xa non é nada.

-Como médico, como ve a saúde da política galega?
Vexo a saúde da política galega é boa mais os actores políticos galegos non están no seu mellor momento político. Unha cousa son os candidatos e outra cousa son as grandes maquinarias políticas, pois as grandes maquinarias electorais funcionan. Sobre esta campaña, ríome eu de onde está o control de gasto da campaña porque custa millóns de euros. Agora, máis que partidos ou candidatos hai grandes empresas publicitarias que son quen fan as campañas. A clave é como enganar ao votante para que coincida cuns determinados intereses. Antes había debates profundos e hoxe ten que ser todo en 180 caracteres, rápido e ocorrente. 

Reunión ECG
Reunión ECG
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Faldo

E dío el. PPachi Vázquez. De centro e galeguista.

1 Jaja

Si historicamente fose posíbel iso o españolismo do que formas parte lle faría a vida imposíbel a esa opción política. O mesmo que facedes có bng