Xa chegaron as velutinas... Como afectarán ás abellas autóctonas esta tempada?

Esteban Jamardo, da Asociación Stop Velutinas Umia, asegura que as velutinas "neste tempo aínda non representan unha ameaza para as colmeas, porque as abellas tampouco saen demasiado". Con todo, confesa que "non é normal" que xa espertasen da hibernación, pois "o normal non era velas saír dos niños ata marzo".

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 25/02/2024 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

As velutinas xa están entre nós debido ao calor anómalo que está a facer nestas datas nas zonas de costa. Se fai uns anos, cando esta especie invasora chegou á nosa terra (aló polo 2011), deixábanse de ver velutinas cara finais do mes de novembro, agora a data xa se estendeu ata comezos de decembro ou mesmo finais, nalgúns casos. E, a isto, súmase que tamén espertan antes da hibernación, nas zonas onde as temperaturas son máis suaves durante todo o ano. Por sorte, Esteban Jamardo, presidente da Asociación Stop Velutinas Umia, asegura que "neste tempo aínda non representan unha ameaza para as colmeas, porque tampouco as abellas saen demasiado, xa que ao facer aínda algo de frío segundo que días e algunhas noites, as abellas paran un pouco de traballar". 

Un apicultor traballando coas súas colmeas
Un apicultor traballando coas súas colmeas | Fonte: FEUGA - Arquivo

Esteban asegura que, como apicultor que está sempre coas súas colmeas e pendente da chegada das velutinas, "xa pillei un par delas", o cal "non é normal, é moi cedo, o normal non era velas saír dos niños ata marzo". Con todo, xa é algo que non lle pilla por sorpresa, pois o cambio climático que semella que experimentou Galicia nos últimos anos fixo que mesmo os ciclos biolóxicos das propias abellas mudasen. "Eu incluso vexo que as abellas xa están arrincando coma se fose primaveira, porque na zona de costa onde as teño, na zona de Barro, máis en concreto, xa hai moitísima flor de eucalipto", apunta Esteban, que di que "a pesares de que aínda non comezou a floración das árbores frutais, si do eucalipto". 

Así as cousas, este apicultor resalta que cada vez está máis claro que "é o tempo o que lles marca ás velutinas o comezo da tempada" e asegura que xa todos os apicultores galegos saben que, "ante a chegada do bo tempo, as velutinas van saír". Pero o problema está en que cada vez o tempo de Galicia é máis impredecible, motivo polo que, como apunta Esteban, "cada vez as velutinas van ter unha hibernación moito máis curta: de tal xeito que se houbo velutinas ata o mes de decembro, practicamente, xa que tivemos uns meses de outubro e novembro con temperaturas semellantes ás da primaveira, entón cada vez os seus ciclos biolóxicos alongaranse máis e hibernarán moito máis tarde, saíndo tamén da hibernación moito antes".

Ante este panorama, o presidente da Asociación Stop Velutina Umia cre que cun "período de hibernación tan curto como o que teñen na actualidade", mesmo podería chegar un momento no que "non houbese xa case período de hibernación", se a suba das temperaturas segue a progresión que tivo ata a data. Neste senso, Esteban destaca que "non estamos a ter invernos duros onde, ao mellor, moitas das velutinas podían morrer por non ter escollido ben o lugar de hibernación no que resgardarse, iso xa non vai pasar, nin tampouco que se lle esgoten as reservas que acumulan de graxa e rematen morrendo, porque só hibernan durante mes e medio, practicamente, polo que teñen reservas de sobre para soportalo".

Aínda así, lanza unha mensaxe de tranquilidade, pois asegura que, aínda que se estean vendo xa velutinas raíñas, "o ataque que estas poden ter cara as colmeas agora mesmo é moi leve", xa que "empezarán, como moito, a facer os niños primarios e, realmente, precisan pouco aporte de proteína, que é o que buscan nas abellas", así que "por esa parte o tema non é preocupante, nin de cara ás abellas nin ao resto de insectos, polo momento". E é que agora o que fan "é buscar o néctar das poucas flores que hai, como poden ser as camelias que xa teñen os estames con flor, pero será cando comecen a florecer as árbores froiteiras cando van ir a por todas", augura Esteban.

Pero non hai que esquecer que aínda que as temperaturas son altas para a época do ano, o certo é que aínda resta tempo de inverno no que poden volver baixar. Por iso, está todo o mal feito ou pode ser que se baixan as temperaturas de novo detéñase este proceso de espertar da hibernación das velutinas? "Unhas cantas xa se activaron, pero o resto eu creo que agardarán un pouco máis", precisa este apicultor, que, aínda así, cre que o tempo seguirá sendo cálido, pois "estes días nos que mesmo está a chover tampouco está a facer un frío de inverno". "Ao non ter xa unhas estacións climatolóxicas marcadas como eran antes, nas que había un inverno, agora só vivimos un inverno como tal durante 15 días ao ano e, despois, xa semella que empezou a primaveira", explica Esteban.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta