O PP gaña en todas as cidades, menos Vigo que é para o BNG

Os populares foron os máis votados en 295 concellos, o BNG en 13, entre eles a cidade de Vigo, e o PSdeG en cinco.

Por Europa Press / Redacción | Compostela | 19/02/2024 | Actualizada ás 01:08

Comparte esta noticia

O PP de Alfonso Rueda venceu as eleccións deste domingo, 18 de febreiro, no 94,2% dos concellos de Galicia, incluídas seis das sete grandes cidades. Mentres, o BNG foi primeira forza en 13 municipios e o PSdeG-PSOE en cinco.

Así é o mapa do voto nos concellos galegos nas eleccións do 18F
Así é o mapa do voto nos concellos galegos nas eleccións do 18F

Os populares son a principal forza en cidades gobernadas polo PSdeG como A Coruña e Lugo e tamén na de Pontevedra e Santiago, gobernadas polo BNG. Os populares gañan en case todas as principais vilas do país e case todos os concellos. Só a zona metropolitana de Vigo quedou como feito da esquerda, principalmente, do nacionalismo.

Cabe destacar a vitoria histórica do Bloque en Vigo, o concello máis grande de Galicia, que foi cun 37,02%, por menos de dous puntos sobre o PP. Con todo, mellor resultado do BNG foi en Vilar de Santos (Ourense), cun 59,58%. Destaca o resultado dos nacionalistas en localidades da área viguesa, ao vencer en Moaña (46,45%), Cangas (45,96%), Soutomaior (45,27%) e Redondela (39,91%). Tamén na provincia de Pontevedra, impuxéronse no Grove (43,46%) e en Catoira (44,03%).

Na Coruña, o Bloque foi primeira forza en Corcubión (45,72%), en Fene (42,06%) e en Mugardos (38,72%). Na provincia de Ourense, gañou no tradicional feudo de Allariz (52,59%), á parte de en Vilar de Santos (59,58%) e en Verea (53,62%). Na provincia de Lugo, ningún concello tivo aos nacionalistas como vencedores.

No que respecta ao PSdeG-PSOE, gañou en só cinco concellos. Tres deles están situados na provincia de Lugo: Ribeira de Piquín (50,53%), Negueira de Muñiz (41,58%) e Pedrafita do Cebreiro (46,19%), habitual feudo socialista; e outros dous na de Ourense: Entrimo (47,52%) e Calvos de Randín (45,43%).

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta