Un clan acusado de venda de droga na zona de Noia alega ter "unha colleita para pasar o ano"

Os cinco procesados enfróntanse a penas de prisión de entre seis e sete anos e medio de cárcere.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/02/2024 | Actualizada ás 17:20

Comparte esta noticia

Cinco persoas acusadas de venda de droga na área de Noia -- catro deles integrantes do mesmo núcleo familiar, pais e fillos-- negaron os feitos que se lles imputan e alegaron que era para consumo propio.

"Eu non vendía nada", asegurou o proxenitor tras indicar que estaba "todo o día fumando porros", no xuízo que se celebra na Audiencia Provincial da Coruña. Os dous proxenitores recoñeceron ter unha "colleita para pasar o ano", en alusión a plantacións de marihuana para o consumo "dos catro".

Ao mesmo tempo, o home explicou que "moitas veces" intercambiaba sustancias con outras persoas pero que "non cobraba nada". "Teño cambiado marihuana con outros rapaces para ver a calidade", apuntou.

CONSUMO "TODOS OS DÍAS"

Na mesma liña, un dos fillos declarou que na época que se produciron os feitos "estaba moi mal" e consumía "todos os días de todo, sobre todo porros, tamén cocaína e outras veces outras sustancias". No entanto, negou vender "nin haxix nin cocaína". O seu irmán tamén argumentou que consumía "bastante de todo" e con "todos" os seus amigos aínda que rexeitou que vendese.

Cuestionados sobre as plantacións de marihuana dos seus pais, sinalaron que tiñan coñecemento de que "cultivaban no monte" pero descoñecían onde.

O quinto acusado sinalou que tiña relación cun dos irmáns pero ningún vínculo co resto da familia. "Quedabamos para drogarnos pero eu a eles -- os demais procesados -- coñecinos hoxe e non sabía nada de plantacións sinceramente", insistiu. Ademais, dixo que é drogodependente desde os 17 anos. "Nesa época consumía todo e por iso non me acordo da maioría das cousas", apostilou.

FEITOS

Segundo recolle o escrito de acusación de Fiscalía, os acusados, polo menos desde o ano 2019, dedicábanse, de forma coordinada, á venda de drogas.

Ademais de nesta ocasión, os integrantes deste clan familiar foran investigados xa no ano 2017, cando foi identificado a cabeza de familia como a persoa que vendía droga nas inmediacións dun colexio en Noia. En 2018, tanto o xefe como os seus dous fillos foron identificados tamén por vender droga nas portas do Instituto San Alberto de Noia.

No ano 2019, os axentes retomaron as investigacións sobre as vivendas e movementos dos catro integrantes do clan, o que lle permitiu trazar nexos cunha quinta persoa tamén dedicada á venda de drogas.

En distintos rexistros de vivendas e vehículos, os axentes atoparon distintas cantidades de marihuana, cannabis, cocaína, MDMA, metanfetamina, ketamina e ayahuasca, así como armas, teléfonos ou diñeiro.

O Ministerio Público considera aos cinco acusados culpables dun delito de tráfico de drogas e aos catro membros da familia culpables dun delito de integración en grupo criminal. Por iso, pide para eles penas que van desde os seis aos sete anos e medio de cárcere e multas de ata 138.000 euros.

Marihuana
Marihuana | Fonte: Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta