Aberta a convocatoria de subvencións para a 12ª edición de 'Cultura no camiño' para fomentar as artes na ruta xacobea

O Goberno galego convoca tamén a cuarta residencia literaria da Cidade da Cultura.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/02/2024 | Actualizada ás 17:41

Comparte esta noticia

A Xunta publicou no Diario Oficial de Galicia (DOG) as bases da convocatoria de subvencións para o programa 'Cultura no Camiño', dirixido ao fomento das artes escénicas e musicais nos concellos galegos polos que discorren as diferentes rutas xacobeas. A iniciativa chega á súa 12ª edición "mantendo como prioridade o aumento da oferta cultural das localidades dos Camiños de Santiago e o fomento da contratación de formacións artísticas profesionais con sede en Galicia".

A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades mantén a dotación de 250.000 euros para cofinanciar a contratación de actuacións de teatro, música, danza, novo circo e maxia, en diferentes porcentaxes segundo o número de habitantes do concello solicitante. A Xunta asume ata o 50 % do custo dos espectáculos en municipios de menos de 20.000 habitantes, cunha contía máxima de 2.500 euros por adxudicación, e ata o 40 % nas entidades que superen esta poboación, cun límite de 3.500 euros por axuda.

O prazo para a presentación de solicitudes abre este martes, 20 de febreiro, para as entidades locais que desexen programar espectáculos galegos de artes escénicas e musicais entre o 15 de xuño e o 31 de agosto. Como en edicións anteriores, a súa concesión seguirá o procedemento de concorrencia non competitiva de forma abreviada, polo que as subvencións outorgaranse por orde de entrada, ben ata final de prazo o 19 de marzo, ben ata que se esgote o crédito. Poderán optar a elas tanto os municipios dos Camiños de Santiago a título individual como conxuntamente en forma de agrupación, asociación, mancomunidade, fusión ou similar.

CATÁLOGO DE ESPECTÁCULOS

Para configurar a súa programación, cada entidade subvencionada deberá programar un mínimo de dúas actuacións a partir dun catálogo específico cos espectáculos que se rexistren na convocatoria xa aberta para compañías escénicas e grupos de música profesionais que teñan sede en Galicia. A inscrición de propostas artísticas realízase a través da plataforma galescena.gal e o prazo finaliza o 29 de febreiro.

RESIDENCIA LITERARIA DE CIDADE DA CULTURA

Por outra banda, a Xunta convidou a escritores inéditos de Galicia a participar na cuarta Residencia Literaria da Cidade da Cultura para "dar impulso aos seus proxectos de narrativa". Dirixida polo escritor Javier Pena, "a residencia é un espazo de aprendizaxe en común aberto á análise, a crítica e o eloxio" no que participarán tamén dúas novas voces destacadas nas letras actuais, a escritora catalá Irene Solà e o galego Brais Lamela.

Tal e como sinalan nun comunicado, a Residencia Literaria "consolídase como unha plataforma para o talento que conxuga o traballo individual coa revisión das propostas dos compañeiros". Recalcan que a escoita, a lectura e o diálogo, tamén con outras disciplinas artísticas, son a base dun encontro polo que xa pasaron algúns dos autores que "despuntan" ultimamente como Sica Romeu (Premio San Clemente de Novela), Fran Fernández Dávila (Premio de Narrativa Breve Repsol) e o propio Brais Lamela (Premio O Ollo Crítico de RNE).

Nesta nova convocatoria ofértanse un total de 10 prazas, oito delas reservadas para menores de 35 anos. Poderán presentarse persoas nadas ou residentes en Galicia que queiran desenvolver ou mellorar un proxecto de narrativa, en galego ou castelán. Xunto a elas participarán os escritores Brais Lamela e Irene Solà. Na Residencia Literatia teñen cabida novelas de ficción, novenas de non ficción (autoficción) ou coleccións de relatos, ben sexan obras por completar, ben finalizadas pero aínda non publicadas. O prazo de inscrición está aberto ata o 19 de marzo de 2024.

As persoas seleccionadas beneficiaranse dun programa intensivo e gratuíto de actividades entre o 1 e o 13 de xullo na Cidade da Cultura, que se complementará con visitas a institucións culturais, a participación en eventos ligados ao mundo do libro e á literatura e o intercambio con outras disciplinas artísticas. O aloxamento, xantares e comidas correrán a cargo da organización.

Sinalización do Camiño de Santiago
Sinalización do Camiño de Santiago | Fonte: EUROPA PRESS - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta