Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 20/02/2024 | Actualizada ás 21:40
Rogelio Santos Queiruga, mariñeiro, patrón, presidente de Plademar Muros-Noia, divulgador e comentarista en diversos programas da televisión pública galega, publicou este luns un tuit na súa conta de 'X' no que denunciou publicamente que dende a TVG non o chamaron máis para colaborar dende que apoiou abertamente ao BNG nun vídeo con motivo da campaña electoral e dende que criticou a xestión da Xunta durante a crise dos pélets. 'Por ter criticado a xestión da Xunta e por apoiar ao BNG, non van a volver a chamarme da TVG, e dende aquí, quero darlles as gracias', dicía, textualmente, na súa publicación Rogelio Santos, tamén irmán de Carmen Santos, ex secretaria xeral de Podemos en Galicia que tamén apoiou a candidatura do Bloque en pasados comicios.
Por ter criticado a xestión da Xunta e por apoiar ao BNG, non van a volver a chamarme da TVG, e dende aquí, quero darlles as gracias.
— Rogelio Santos Queiruga (@QueirugaRogelio) February 19, 2024
☺️☺️☺️
Dende Galicia Confidencial falamos con Rogelio, quen nos fixo un percorrido pola súa traxectoria profesional vinculada á cadea pública de televisión. Leva aproximadamente dous anos acudindo de xeito regular á TVG, colaborando con diversos programas. Empezou no 'Quen anda aí?', onde estivo un ano colaborando cunha sección sobre a temática do mar na que, dependendo da actualidade, ás veces participaba catro veces ao mes e outras veces tan só unha. A actualidade, como nos explica, "tamén a creaba ás veces eu mesmo a través das miñas redes sociais, cando algún contido meu se facía viral e me chamaban para ir a contalo na televisión ou para incluílo dentro doutros temas que estaban de actualidade".
Dende fai un ano xa non participaba tan asiduamente, aínda que continuaba vinculado ao medio televisivo, tamén asistinto en función da actualidade. Dende ese momento comezou a cobrar pola súa asistencia. Tamén era bastante común que lle chamaran para facer directos para 'Hora galega' ou 'Atmosféricos'. "Non o facían máis deseguido para non saturar, pero si que tiña unha presenza moi común e me chamaban regularmente", asegura Rogelio. A maiores destas colaboracións, tamén creou xunto a unha produtora un programa para as redes da TVG chamado 'Coñecendo o mar', e que se trata dunha serie de 20 'reels' de Instagram de 30 segundos cada un que se levan emitindo dende fai uns meses nas redes oficiais da TVG, a razón dun por semana.
Ademais, fai uns meses que se estaba preparando, segundo nos conta Rogelio, en colaboración cunha produtora de renome, "un programa de 12 ou 13 capítulos dunha hora de duración cada un", unha mestura de "'reality' e divulgación" na que el mesmo sería o presentador. "Era algo que xa estaba moi avanzado e na TVG había moito interese en que se fixese este programa e en que eu fose o presentador", asegura o mariñeiro. Sen embargo, critica que "despois de chamarme sempre que había algo de actualidade como foi o caso do 'Villa de Pitanxo' ou máis recentemente o conflito entre bateeiros e percebeiros polo tema da mexilla (onde eu falei a favor da Xunta porque cría que a Xunta non tiña culpa e que as pedradas non ían facer que houbese máis mexilla nin máis percebe), de súpeto, deixaron de facelo". E cando considera el que foi o punto de inflexión? "Curiosamente, despois de facer eu fai dous meses unha declaracións criticando a xestión da Xunta con respecto ao tema dos pélets, non me volveron chamar para nada", afirma Rogelio.
"AÍNDA QUE NON ME ENTROU NINGUNHA CHAMADA DICÍNDOME QUE NON ME ÍAN CHAMAR MÁIS, EU NON SON IDIOTA"
Neste senso, insiste que o non ter chamadas da TVG dende fai tanto tempo non é algo habitual, pois "as conversas con respecto ao programa que se estaba a facer eran regulares, e simplemente faltaba definir un pouco a proposta económica que me ían facer, pero todo estaba xa moi avanzado", e, "de súpeto, cesa a comunicación e ata o día de hoxe non volvo saber máis nada". Iso foi o motivo do tuit que publicou na súa conta de 'X', e puntualiza que, "aínda que a min non me entrou ningunha chamada dicíndome que non me ían chamar máis, intúese, porque se antes me chamaban e agora non, eu non son idiota, antes non pasaba un mes sen que me chamaran fose para facer un programa ou para comentar certo tema". Ademais, apunta que "neste período houbo temas moi serios e moi graves que afectaron ao sector do mar como foi a crise dos pélets ou a moltaldade do marisco dos que podía ter falado, así que idiota non son". Con todo, defende que el non ten ningún problema cos traballadores da TVG, todo o contrario, e que o seu tuit vai dirixido a quen dirixe a cadea, non aos traballadores.
Por outra banda, Rogelio tamén di sentirse moi defraudado coa canle pública porque "vexo que na TVG, nos últimos tempos, sobre todo nos informativos, está a haber unha falta de ética profesional no que ten que ver co tema dos pélets tremenda, coa manifestación en defensa do mar, no que ten que ver coas eleccións e mesmo no que ten que ver comigo mesmo". Sobre esta última cuestión, apunta que "eu recibín uns ataques moi fortes dun medio como é 'El Debate', onde se pon en dúbida a miña motivación á hora de facer declaracións relacionadas co mar e atópome que o día das eleccións sae entrevistado durante 10 minutos en pantalla o director do medio no especial das eleccións". Mentres que asegura que "a min en ningún momento dende a televisión me avisan diso, non se me di nada, o que me parece unha falta de ética que se dane e perxudique a miña imaxe e se corte así a comunicación comigo".
"EU EN TODO MOMENTO MANTIVEN A CORRECCIÓN E O RESPECTO, MESMO NAS MIÑAS REDES SOCIAIS, NUNCA FUN EXTREMISTA NIN SECTARIO"
Preguntado sobre se tería que ver o feito de que sae nun vídeo da campaña electoral do BNG apoiando abertamente a Ana Pontón, Rogelio afirma que "non creo que sexa un problema das produtoras nin dos programas de televisión", senón que "para min hai unha liña, dende quen dirixe a TVG, que é a quen eu dirixo o meu tuit, que é de onde parte o problema, xa sexa de maneira directa ou porque os programas teñen medo a chamarme por non desagradar a esa persoa". "Evidentemente si, saio nun vídeo do Bloque, pero a TVG tampouco se corta un pelo en levar a José Manuel Soto aínda que lle chamara fillo de puta ao presidente do Goberno nin en levar a Bertín Osborne aínda que tivese feito declaracións bastante máis graves das que teño feito eu", plantexa o mariñeiro. Ademais, lembra que "nun vídeo do BNG e nunha entrevista con Ana Pontón tamén participou Pili Pampín" e non por iso deixan de chamala.
"A miña corrección sempre ao ir á TVG foi por diante, en todos os programas, fronte a outras persoas como foi o caso de José Manuel Soto que son coñecidas precisamente polo contrario, e non ten nada de malo a afiliación política de cada quen, porque hai xente que pode defender ao PP ou ao PSOE ou a outro partido e non ten nada de malo que estean na televisión pública, ao contrario, a min gústame escoitar a todo o mundo con todo tipo de ideas", argumenta Rogelio, engadindo que "eu en todo momento mantiven a corrección e o respecto, mesmo nas miñas redes sociais, nunca fun extremista nin sectario". E todo iso, defende, a pesares de que "se o quixera ser estaría en todo o dereito, porque me parece máis grave e bastante máis sectario e falto de rigor o tratamento informativo que tivo a TVG coa crise dos pélets, e eu que son mariñeiro e me importa o mar se chego á praia e véxoa chega de pélets de punta a punta e a persoal da Xunta e da empresa facendo o paripé mentres chegan voluntarios de todas as partes, direino mil veces, parézalle mal a quen lle pareza mal".
Así as cousas, e a estas alturas, Rogelio asegura que para el xa "é un alivio que non me chamen e que non conten comigo", porque "a falta de ética que teñen e tiveron en todo este tema comigo non é normal". "Cando xorde o problema da manifestación en defensa do mar e os presidentes de varias federacións de confrarías me sinalan directamente, duramente, acusándome de danar a imaxe dos produtos pequeiros e chamándome vendedor de fume, a TVG adícalle un 'reel' completo e ben cortadiño para machacarme ben machacado e a min nin me preguntan", exemplifica o seu desagrado o divulgador, que incide en que para el isto é "unha falta de ética, de compañeirismo, de respecto e de todo". Polo tanto, reafírmase en que "eu non quero ir á TVG e fago ese tuit tamén xa para que lles quede claro, porque levan dous meses sen contar comigo e sen comunicarse comigo, que non o fagan, que excusan de comunicarse".
DENDE A CRTVG ASEGURAN QUE OS SEUS PROGRAMAS TEÑEN LIBERDADE PARA CHAMAR A COLABORADORES PUNTUAIS CANDO ASÍ O CONSIDEREN
Dende a CRTVG, pola súa banda, e tras poñernos en contacto coa canle pública, indícannos que "a CRTVG leva dende os seus inicios, no ano 1985, elaborando infinidade de contidos relacionados co mar, como o programa semanal 'Vivir o Mar', con máis de 20 anos en antena". Por iso, explican que efectivamente dende a corporación se decidiu crear o proxecto 'Coñecendo o mar con Rogelio Santos Queiruga', con 20 capítulos de duración, que "están a ser publicados en todas as redes da CRTVG cada mércores, como é facilmente comprobable, con total normalidade". O último capítulo estreouse o pasado mércores 14 de febreiro e o seguinte, o número 13 da serie de 20, publicarase este mércores día 20.
Con todo, a canle nega ter calquera outra relación contractual con Rogelio á marxe desa. "Á marxe deste espazo, a Corporación non ten constancia de que esta persoa tivera ou teña relación contractual estable con ningún outro programa producido para a CRTVG". "No que atinxe ás colaboracións en programas, as empresas produtoras teñen liberdade para contar cos expertos ou colaboradores que estimen oportuno no momento en que o precisen", explican, e exemplifican que, "se se produce un conflicto bélico, unha pandemia, un evento xeolóxico, unha crise no mar, como foi o caso dos pélets, a praxe normal de todos os medios de comunicación é contar de forma puntual con expertos na materia", pero "esta condición, en ningún caso, e en ningún medio, convirte aos expertos en colaboradores fixos nin do programa nin da cadea".
Neste senso, a CRTVG asegura que "como nunca fai, non vai entrar a polemizar con ningunha persoa sobre presuntas declaracións de intereses de terceiros". "A CRTVG aporta feitos contrastables, non fai ningunha valoración particular, e respecta as motivacións de calquera cidadán ou colaborador para expresarse como estime oportuno no momento no que o estime oportuno", conclúe.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.