Venda de roupa barata a costa de que?... Que oculta a gran industria téxtil?

As etiquetas de países do Sueste asiático abundan entre a roupa comprada en Occidente. Grandes cadeas de roupa teñen entre os seus fornecedores países como Bangla Desh, Vietnam, Cambodia ou India. Detrás destas prendas ás veces hai unha man de obra explotada en condicións inhumanas a pesar de que os países de orixe aplican lexislacións restritivas contra o abuso laboral.

Por Moncho Mariño | Santiago | 03/03/2024 | Actualizada ás 20:30

Comparte esta noticia

A industria da moda ou da roupa tamén buscou externalizar a súa produción cara países onde as condicións laborais, a lexislación medioambiental e os salarios non supuñan grandes custos para esta industria. Mais si houbo outro custo, o humano, que levou a grandes marcas como Nike nos 90 e comezos do século XXI a realizar campañas para negaren que estivesen fabricando roupa e outros complementos en países como Filipinas,  Vietnam e outros da área do Sueste asiático e ademais, con man de obra infantil. En tal caso, durante as últimas décadas impúxose un estilo de moda e comercio de roupa que prima a venda de produtos baratos para que a xente volva mercar en breve. O caso é que esta modalidade de consumo alimenta sistemas laborais que ás veces son impostos a unha parte da poboación en países cunhas taxas de desenvolvemento económico e social moi baixos.

Tenda de roupa en rebaixas
Tenda de roupa en rebaixas

DE ONDE VÉN ESTA ROUPA?
“Hai países sen unha lexislación laboral clara e isto pode facer mesmo que, por culpa da situación económica familiar, haxa nenos e nenas traballando”
din desde a ONG Semillas para el Cambio. No caso da India, onde traballa esta ONG, o actual goberno “está cambiando todo” procurando que as empresas tributen e que os dereitos dos e das traballadoras sexan respectados.

Aínda así, o goberno indio non ten doada a persecución da economía somerxida no seu propio país. “Normalmente se falamos de obradoiros clandestinos estes son subministradores de subministradores, empresas fantasma” cuxa detección é difícil para as autoridades. Sería unha cadea de “lavado” até chegar á empresa principal.

A mesma situación se dá en países como Bangladesh onde en 2013 un edificio colapsou deixando, segundo algunhas análises posteriores, máis de mil mortos. A estrutura do edificio estaba en malas condicións e tamén se denunciaran casos de abuso laboral pois as condicións laborais tanto en Bangladesh como noutros lugares de Asia son constantemente denunciadas como traballo forzado, sobre todo no caso dos nenos e nenas.

TRABALLO FORZADO
As denuncias sobre as condicións laborais en lugares onde se fabrica roupa de consumo rápido levaron a organismos como UNICEF ou a Organización Internacional do Traballo (OIT) a crear informes sobre a actual situación de traballo forzado nestes países e, sobre todo, entre a infancia. “Moitas veces as persoas que traballan na industria da roupa en paises como os citados fano en ambientes onde respiran produtos químicos perigosos ou están en contacto con eles”.

Segundo o informe da OIT, El trabajo forzoso y la trata de personas do ano 2009, o traballo forzado é a retención do traballador cunhas condicións laborais que non cumpren uns mínimos de seguridade. “Tamén implica a perda de liberdade ben de forma abosluta ou relativa, por espazos de tempo relativamente curtos ou longos. Nese sentido é unha clara violación dos dereitos humanos”. Porén, as condicións de traballo precarias están presentes en todos os casos de traballo forzado, mais para a OIT non “representa sempre un indicador ou unha condición preliminar que apunte a existencia de traballo forzoso”.

Existe o traballo forzado detrás da roupa rápida que consumimos? Non se pode dar unha resposta contundente, mais se nos fixamos en datos de traballo infantil recollidos pola UNICEF no informe Trabajo infantil. Estimaciones mundiales 2020, tendencias y camino a seguir, ningún continente queda libre do uso de man de obra menor de idade. En Asia central por exemplo, boa parte da man de obra de nenos e nenas vai parar aos campos de algodón que logo nutrirán a industria da roupa.

A globalización e a externalización fixo que moitas das empresas do sector téxtil en Europa e América do Norte acabasen montando factorías en países en vías de desenvolvemento e con maior incidencia, países do Sueste asiático. As lexislacións en canto dereitos e condicións laborais, ou a falta de recoñecemento dos mesmos, acabou por facilitar a creación de cadeas de subministración cuxa man de obra traballaba en condicións laborais e hixiénicosanitarias con grave risco para a súa integridade.

Co tempo e tras unha serie de sucesos como incendios de fábricas, colapsos de factorías e traballos de campo para investigar centros de traballo en países onde existían rumores de explotación, as grandes marcas en Europa e Norteamérica recoñeceron que usaban material procedente deses lugares. No caso do colapso en Bangladesh descubrironse etiquetas con logos de grandes empresas europeas.

A situación segundo algunhas ONG parece ir mellorando segundo que país, mais tanto a OIT como UNICEF consideran que a mellora tanto para a man de obra adulta como para a infantil dentro da industria téxtil de consumo rápido ten moito que mellorar.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta