Por Europa Press / Redacción | LUGO | 24/02/2024 | Actualizada ás 19:20
Deputados, senadores e outros membros do PP de Lugo participaron este sábado nunha concentración en Chantada para reclamar ao Goberno o arranxo e mantemento "inmediato" da N-550, a estrada que une Lugo e Ourense.
Os populares consideran "lamentable" o estado de mantemento desta vía e aseguran que "pon en risco a seguridade dos condutores" ante "a total falta de avances do Goberno de Pedro Sánchez no seu arranxo". Tal e como trasladaron nunha nota de prensa, aseguraron aos veciños dos municipios afectados que comparten as súas reclamacións e que defenderán o seu arranxo "todas as veces que sexa necesario ata que estea en boas condicións".
Nesta liña, o portavoz provincial popular, Antonio Ameijide, afirmou que "urxe" o arranxo desta estrada transitada a diario por miles de vehículos e denunciou que "o plan de rehabilitación anunciado hai uns días polo Goberno de Pedro Sánchez foi electoralista e insuficiente". "Necesitamos un arranxo inmediato desta vía e non un plan a máis de tres anos, no que para 2024 existe unha partida ridícula", defendeu.
Así mesmo, Ameijide criticou "a nefasta" negociación para Lugo e Galicia "realizada por José Ramón Gómez Besteiro" que, en opinión do popular, "deu todo a Cataluña e a País Vasco, mentres marxinou a Galicia totalmente". "Esta é a realidade da negociación entre PSOE e BNG: non hai investimentos para Galicia", reprochou.
RECLAMACIÓNS DO BNG
Pola súa banda, o grupo provincial do BNG avanzou que presentará no próximo pleno --27 de febreiro-- unha moción para reclamar ao Goberno central que "intensifique" os labores de mantemento na N-540 e que tramite "polo procedemento de urxencia a reforma integral desta vía". Para os nacionalistas, a licitación da reforma, "cun prazo de execución de 36 meses", supón "un horizonte inasumible dado o estado da vía", que provoca "incidencias máis ou menos graves a diario".
Segundo detallaron nunha nota de prensa, a moción concreta que "non é suficiente con incrementar o número de sinais de perigo que avisan do firme en mal estado, xa que este tipo de actuacións non evita o incremento de incidencias coas rodas, cos parabrisas e mesmo accidentes de tráfico, e demanda actuacións provisionais que restauren o firme nas zonas máis danadas, en tanto non se executa a reforma definitiva".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.